Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Deportiva

Xestionado por Vieiros
RSS de GZ-Deportiva
Polo medio da choiva

A alemá Kathrin Mueller gaña, por sorpresa, a Copa de Europa de Triatlón de Pontevedra

Nun día grisallo e mollado como poucos a xente saíu á rúa para ver correr ás mellores triatletas do mundo, entre elas a número un, Vanessa Fernandes. Moitas abandonaron polo frío.

A. Rodríguez - 18:30 19/04/2008
A alemá Kathrin Mueller

A alemá Kathrin Mueller

Na primeira proba, a feminina, a pesares da auga que caía sen parada e do frío, a xente de Pontevedra saíu á rúa a apoiar ás triatletas que se metían nas augas conxeladas do Lérez. Eran as 14:30 horas e por diante aínda quedaban os 1.500 metros de natación, os 40 km sobre a bici e os 10 quilómetros de carreira a pé polo casco vello da cidade, para terminar na pista de atletismo do Centro Galega de Tecnificación Deportiva (CGTD).

Os abandonos comezaron cedo, xa na proba de natación. A británica Abbie Thorrington ía de primeira, con 18 segundos de vantaxe sobre a súa compatriota, Vanessa Raw e 23 sobre Heather Jackson. Fernandes marchaba sexta, a 25 segundos da cabeza de carreira. A galega mellor situada, Aída Valiño que ía sétima, a 26 segundos de Thorrington.

As triatletas de cabeza foron saíndo da auga entre o frío e a choiva, e colleron as bicicletas para facer un percorrido pola estrada anegada que era máis do que perigoso. Nesta proba tamén abandonaron boa parte das participantes, mais non a Campioa do Mundo e de Europa, a portuguesa Vanessa Fernandes, quen ía lanzada, doblando ás súas rivais, e descalificando a varias delas, posto que se trataba dunha proba eliminatoria. Nada máis comezar a portuguesa e a británica Abbie Thorrington fuxían das rivais, colocándose en cabeza e pelexando entre elas por pasar de primeiras nos controis. No pelotón que as seguía, composto por sete corredoras, non había ningunha galega nin española. A que máis preto da cabeza estaba, Aída Valiño, abandonaba a proba.

Fernandes e Thorrington mesmo chegaron a lles roubar 2'27" ás súas perseguidoras (as británicas Vanessa Raw, Heather Jackson e Jess Towl, a holandesa Birgit Berk, a alemá Kathrin Mueller, a polaca Maria Czesnik e a suíza Melanie Annaheim). Da selección estatal só a catalá Nuria Miró se mantiña, a 5 minutos da cabeza de carreira.

A aparición de Mueller
Parecía que a cousa andaba entre Thorrington e Fernandes, pero a portuguesa tivo moitas dificultades para tirar o casco, ao deixar a bicicleta, e comezou a carreira a pé perdendo moitos e moi valiosos segundos. A suíza Melanie Annaheim axudoulle a quitar o casco, mais Fernandes levaba moito tempo parada, e na primeira volta a pé sufriu unha hipotermia e tivo que se retirar da carreira. Thorrington ficaba soa... pero apareceu, pouco a pouco, a alemá Kathrin Mueller.

Protagonizando unha remontada incríbel, Mueller conseguía rebasar a Thorrington cando quedaban pouco máis de tres quilómetros para chegar á meta. Detrás delas sucedíanse os abandonos.

O podio repartiuse nos últimos metros. A alemá ía lanzada, e a británica acusou os esforzos feitos, e viuse abaixo. Por detrás de Mueller entraron a suíza Melanie Annaheim e a ucraína Olesya Prystayko.

A mellor das galegas
A mellor do equipo nacional de triatlón foi Estefanía Domínguez, quen non abandonou a proba en ningún momento, e conseguiu levar o ritmo, entrando de 25º na meta.

Polo medio do case diluvio e dos paraugas e chuvasqueiros oíuse un pedaciño do tema de Lamatumbá, e o público aínda puido rir co "non quero un paraugas, non o quero... Eu quero un chuvasqueiro amarelo!". O mellor: a cantidade de xente que se botou á rúa para animar os triatletas galegos.

A proba dos mozos: o imparábel Gómez Noya

Ás 17:30 horas comezaba a proba masculina, co ferrolán Javier Gómez Noya como claro favorito. Ás 18:20 horas Gómez Noya roubáballe varios segundos ao pelotón en cabeza, despois de saír de primeiro da auga.

19:24 horas:
Gómez Noya non ten parada. Pisou acelerador e non hai quen o siga. A xente berra ao seu paso, dándolle azos. A pesares do mal tempo, o estadio do CGTD está cheo.

19:25 horas: Última volta para Gómez Noya, que está a piques de gañar a Copa de Europa de Pontevedra. É unha máquina.

Clasificación feminina:

1. Kathrin Mueller (ALE) 2.05:32
2. Melanie Annaheim (SUI) 2.06:38
3. Olesya Prystayko (UCR) 2.07:14
4. Abbie Thorrington (GBR) 2.07:22
5. Birgit Berk (HOL) 2.07:25
6. Vanessa Raw (GBR) 2.07:30
7. Jess Towl (GBR) 2.07:37
8. Maria Czesnik (POL) 2.07:46
9. Sarah Fladung (ALE) 2.07:50
10. Tina Herklotz (ALE) 2.08:53
11. María Pujol (ESP) 2.09:00
15. Nuria Miró (ESP) 2.11:00
24. Miren Casado (ESP) 2.21:28
25. Estefanía Domínguez (GZ) 2.22:54
Aída Valiño (GZ) Abandono.
Saleta Castro (GZ) Abandono.
Marina Damlaimcourt (ESP) Abandono.
Laura Díaz (ESP) Abandono.
Itxaso Leunda (ESP) Abandono.
Amaia Ostolaza (ESP) Abandono
Eva Ledesma (ESP) Abandono.
María Martínez (GZ) Abandono.
Virginia Berasategui (ESP) Abandono.
Ana López (ESP) Abandono.
Maider Vallina (ESP) Abandono.
Alba Cuba (GZ) Abandono.
Ainhoa Garrido (ESP) Abandono.
Mabel Gallardo (ESP) Abandono.
Inma Rafael (ESP) Abandono.


Ligazóns

4/5 (2 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: