Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
TOPTEN

Calcula a túa factura ambiental eléctrica para coñecer o impacto do teu consumo

WWF/Adena creou unha calculadora online para calcular o noso consumo de enerxía en casa e saber como inflúe nas emisións de CO2.

Redacción - 12:20 19/04/2008
Sete clases de eficiencia enerxética

Sete clases de eficiencia enerxética

Queres saber a canto ascende a túa factura ambiental eléctrica? A organización WWF/Adena puxo en marcha unha calculadora virtual que fai o cálculo e informa sobre o impacto ambiental que se deriva do noso consumo. Os datos que ofrece a ferramenta baséanse na información que publica mensualmente o Observatorio da Electricidade de WWF/Adena, que segue de forma continua o comportamento do sector eléctrico español.

O procedemento para calcular a factura é sinxelo. Basta con coller unha factura da compañía eléctrica, introducir na calculadora o período de facturación e os kWh que se consumiron nese tempo, e seguir unhas pequenas instrucións. Como explican desde WWF/Adena, tamén se poden introducir varias facturas para saber como foi evolucionando a calidade ambiental da electricidade que se consumiu.

A través desta calculadora virtual, ademais, os usuarios poden saber de onde procede a electricidade que consumen e coñecer consellos prácticos para levar a cabo na casa, na oficina ou nos institutos.

Campaña de aforro

A iniciativa de WWF/Adena enmárcase nunha campaña de aforro e eficiencia enerxética destinada aos consumidores finais. Neste contexto, a entidade creou outra ferramenta virtual, o TOPTEN, un sitio online para consultar cales son os equipos e electrodomésticos máis eficientes do mercado estatal.

A iniciativa permite comparar o prezo e o consumo de cada aparello ao tempo que ofrece información sobre a etiquetaxe enerxética, así como unha serie de consellos útiles antes de efectuar unha compra. De momento, TOPTEN céntrase nos grandes electrodomésticos de gama branca, aínda que máis adiante ocuparase tamén doutros equipos utilizados habitualmente no ámbito doméstico e no sector comercial e de servizos.


Ligazóns

5/5 (3 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: