Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Desde Oriente Próximo

Troco de disparos en Gaza

Vinte mortos nas últimas horas en Palestina, entre eles varios nenos. Unha crónica de Moncho Iglesias.

Moncho Iglesias - 18:30 17/04/2008
Tags:

A mañá comezou coa morte de tres soldados israelís que identificaran a dous membros de Hamás poñendo unha bomba preto da fronteira entre Gaza a Israel. Os soldados morreron cando perseguían os combatentes palestinos e foron atrapados nunha emboscada, na que outros tres soldados sufriron feridas. Nese momento, helicópteros israelís dispararon contra obxectivos palestinos achegados á zona, matando a quince persoas –cinco deles nenos- e ferindo, cando menos, a dezaoito persoas.
O segundo ataque israelí produciuse, horas despois, na mesma zona. Nesta ocasión, os disparos contra un coche da axencia de noticias Reuters acabaron coa vida dun xornalista que trataba de cubrir os ataques. Nesa ofensiva, na que o obxectivo resultou ser un xornalista rodeado de rapaces aos que pensaba filmar no momento, morreron dous civís palestinos e varias persoas resultaron feridas.

En Cisxordania continúan as incursións das forzas israelís na procura de combatentes implicados en ataques con Israel. Esta mañá do xoves, as forzas israelís mataron dous milicianos da Yihad Islámica en Ienín, no Norte, despois de rodear a casa onde se agochaban durante toda a noite. Así mesmo, un rapaz de dezaseis anos, de Nablus, apareceu morto preto dun asentamento. De acordo aos familiares, os signos de violencia amosan que o neno foi asasinado por colonos.

Namentres, continúan as detencións de presuntos membros das diferentes faccións políticas palestinas, e nas poboacións israelís máis achegadas a Gaza seguen a caer foguetes Qassam que xa estragaron varias vivendas, sen causar ningunha vítima. Deste xeito, os continuos intercambios como promesa de vinganza volven dar indicios dun novo período de escalada violenta. Amais, a coincidencia da celebración da Pascua xudía eleva a tensión e provoca o endurecemento das medidas de seguridade israelís durante os próximos días.


5/5 (4 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: