Construtores, arquitectos, PPdeG e alcaldes socialistas coordinan esforzos contra un proxecto "ambicioso e vangardista" destinado a aumentar a calidade de vida dos cidadáns.
"Ambiciosa" e "vangardista" no seu deseño e "realista" na súa aplicación. Así o subliñaba a propia conselleira de Vivenda, Teresa Táboas, durante a presentación das Normas do Hábitat Galego (.pdf). Táboas recordou a flexibilidade coa que xa nace o desenvolvemento da norma, en función dos diferentes ámbitos de planeamento e lembrou ademais que non será de aplicación nas obras que xa tiñan solicitada licenza antes da entrada en vigor, este xoves, do decreto.
Vivenda deseñou ademais un programa de convenios de colaboración cos Concellos, recoñecendo ao respecto que serán "os que teñen a última responsabilidade" na aplicación das normas a través da concesión das licenzas de obra e de primeira ocupación. A consellaría orzamentou 1 millóns de euros para este 2008 co obxectivo de dotarlles aos municipios de medios humanos e técnicos neste sentido. De xeito paralelo, créase o chamado Comité Asesor de Habitabilidade, un foro onde todos os axentes implicados, desde arquitectos até concelleiros, pasando por directores de obra ou proxectistas, terán oportunidade de intervir no proceso.
Socialistas e populares interpoñen contencioso administrativo contra a iniciativa
"É unha decisión colectiva para a protección dos nosos intereses como concellos", explicaba esta semana o presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias, e tamén alcalde de Ames, Carlos Fernández. O rexedor xustificaba así o recurso contencioso da Fegamp, laiándose de que a consellaría "non recibiu aínda nin aos alcaldes nin á Fegamp".
Por este motivo a actual dirección da Fegamp considera que as Normas do Hábitat Galego "volven afectar os planeamentos en redacción, o que, a priori, vai implicar o incremento nos seus prazos de aprobación, do que se deriva a paralización dos concellos neste ámbito". Ao fío, subliñan que a normativa entra en conflito coas competencias urbanísticas dos municipios e terá "efectos lesivos para a autonomía municipal" e cualifican o proxecto de "exceso de regulación".
Os arquitectos piden "aclaracións" pero recoñecen a necesidade de normas deste tipo
O Colexio de Arquitectos de Galicia, COAG, facía este mércores un chamamento a "recuperar a serenidade" advertindo de que "non é posíbel un diálogo sosegado sobre as normas neste clima de tensión". De xeito máis concreto, o COAG sinala que o decreto "necesita aclaracións e cuantificacións" e"criterios máis precisos". Así e todo, a entidade que agrupa os arquitectos do país recoñece que é necesario mellorar as condicións de vivenda. "Cambiaron o réxime familiar e os modos de vida, a lexislación e as circunstancias económicas, así como os requirimentos e posibilidades técnicas", indican.
Máis belixerante aparece a delegación viguesa do COAG, desde onde reclaman unha "moratoria completa" para a aplicación da normativa. De xeito específico, os arquitectos vigueses expresan o seu desacordo coa xunta de goberno do COAG ao respecto da solicitude de moratoria parcial e insisten en que se paralice por completo a norma até que non lles acheguen un texto que consideren "asumíbel".
O PP pide a "retirada" na norma
Mentres os arquitectos falan de "máis aclaracións" na lexislación sobre habitabilidade, desde o PPdeG consideran que os requisitos concretados no proxecto elaborado pola Consellaría de Vivenda son excesivos e critican por exemplo que quintuplica os que sobre o mesmo tema se estabeleceron en Cataluña.
Así, o presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijoo, cualificaba de "intervencionista" a Norma do Hábitat e aseguraba que o Goberno pretende "prohibir cuestións subxectivas" e formula "cuestións discrecionais". Os populares consideran ademais que a norma "vai en contra da creatividade dos arquitectos galegos". "Os técnicos da Xunta non poden decidir o deseño de todas as vivendas de Galicia, fóra da Xunta tamén hai arquitectura intelixente", afirmou Núñez Feijoo.
Os construtores din que é "imposíbel" cumprila
A Federación Galega da Construción avaliaba esta semana que o decreto "non lle achega seguridade xurídica ao sector" e aseguraba que é "practicamente imposíbel" cumprir as normas do hábitat aprobadas pola Xunta "dentro do solo urbano consolidado no que as normas municipais prevén mazás". Din os construtores que as "limitacións" do texto legal "farán inviábel o aproveitamento estabelecido nos plans".