Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Deportiva

Xestionado por Vieiros
RSS de GZ-Deportiva
Esta quinta feira

Vigo pasa o último exame para acoller a Universiada 2013

Unha delegación da Federación Internacional de Deportes Universitarios (FISU) viaxa á cidade para avaliar a súa candidatura para as Olimpíadas universitarias.

Redacción - 17:56 16/04/2008

Unha delegación da Federación Internacional de Deportes Universitarios (FISU) chega esta quinta feira a Vigo nunha visita de varios días, na que avaliarán as características e oferta da cidade como candidata a acoller a Universiada de verán 2013.

A expedición, integrada por seis representantes de Serbia, Turquía, Xapón, Grecia, a República de Sudáfrica e Suecia, recibirá a benvida oficial do alcalde de Vigo, Abel Caballero, nun acto que se celebra de mañá no Pazo de San Roque.

"O exame final"
Durante os días que permaneza en Vigo (até domingo), esta delegación ha manter diversas xuntanzas de traballo cos responsábeis da candidatura, impulsada polo tenente de alcalde, Santiago Domínguez, e a Concellaría de Deportes.

Os encontros servirán para abordar cuestións como as instalacións deportivas e conexións entre os aloxamentos e os lugares de celebración das probas; mercadotecnia, medios de comunicación e ambiente; sistema de acreditación, cronometraxe, control de entradas e saídas; seguridade, recursos hospitalarios e voluntariado; e programación cultural.

O propio Santiago Domínguez lembrou que esta visita é "o exame final" da cidade na carreira para acoller a Universiada, e que a presentación que se faga o próximo 31 de maio na sede da FISU, en Bruxelas "só servirá para subir nota".

A cidade olívica compite con Kwang Ju (Corea do Sur) e Kazán (Rusia) para acoller este evento deportivo, e a decisión final darase a coñecer o vindeiro 31 de maio.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: