Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Canal Verde

Xestionado pola Federación Ecoloxista Galega e Vieiros
RSS de Canal Verde
Os "Nobel" ecoloxistas

Premio á loita contra a presión petroleira na amazonía ecuatoriana

Un dos prestixiosos galardóns ambientais Goldman vai en 2008 para a mobilización cidadá diante do xigante Chevron-Texaco, que enfonta demandas por valor de 10 mil millóns de euros.

Redacción - 12:15 16/04/2008

Media ducia de "heroes" da loita en favor do medio ambiente queren ser recoñecidos cada ano polos coñecidos premios Goldman, creados para salientar iniciativas e persoas que se destacan polo seu traballo a prol do planeta.

Nesta edición destaca o apoio á loita das comunidades veciñas do Amazonas ecuatoriano fronte á esmagadora presión imposta pola empresa petroleira Chevron-Texaco. En representación desa loita, recibiron o premio Luis Yanza e Pablo Fajardo, ambos os dous persoas clave á hora de impulsar o xuízo contra o xigante industrial. Chevron é acusada de causar, entre os anos 1964 e 1990, danos ambientais e humanos de diversa gravidade.

Unha auditoría independente calculou que os danos presuntamente causados pola petroleira durante case tres décadas de actividade en Ecuador poderían chegar até algo máis de 10 mil millóns de euros. En poucos meses os tribunais deberían decidir sobre a culpabilidade da empresa. O xurado dos Goldman 2008 advertiu da importancia da loita contra "un monumental desastre ambiental" producido nunha das áreas de maior biodiversidade do planeta e onde os científicos consideran que se poden encontrar até o 5% de todas as especies animais e vexetais que hai na Terra.

De Rusia a Mozambique, máis "heroes ambientais"
Alén do destaque adicado para esta loita ecuatoriana, os Goldman tamén reparan en 2008 no traballo doutros activistas. Así por exemplo, o mozambicano Feliciano dos Santos é premiado pola súa actividade á fronte da banda Massukos, utilizando a música para "divulgar a importancia da auga e o saneamento". Unha iniciativa que foi incorporada en programas de desenvolvemento sustentábel noutras partes do mundo.

Rosa Hilda Ramos, de Porto Rico, é premiada polo seu liderado na protección do Páramo Las Cucharillas, un importate ecosistema húmido na rexión. Jesús León Santos, de México, recibe o galardón polo programa de renovación da terra que lidera, e que empregando vellas prácticas indíxenas contribúe a transformar solos infértiles e terra traballábel. Da rusa Marina Rikhvanova, o xurado quixo destacar o seu compromiso na defensa do Lago Baikal, afectado por industrias contaminantes. Finalmente, os Goldman 2008 premian tamén a Ignace Schops, un belga que promoveu a recadación de máis de 56 millóns de euros, xuntando esforzos de cidadáns, empresas e administracións "a prol da creación do primeiro parque nacional e protexendo un dos máis grandes espazos verdes do país".


5/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Luis Yanza e Pablo Fajardo, líderes na loita da amazonía contra os petroleiros
Luis Yanza e Pablo Fajardo, líderes na loita da amazonía contra os petroleiros
O mozambiqueño Feliciano dos Santos, tamén premiado, actuou durante a entrega dos galardóns
O mozambiqueño Feliciano dos Santos, tamén premiado, actuou durante a entrega dos galardóns
Marina Rikhvanova, premiada pola súa defensa do Lago Baikal
Marina Rikhvanova, premiada pola súa defensa do Lago Baikal