Os traballos da Consellaría e a Deputación de Pontevedra devolveranlle o seu uso público ás construcións do século XVIII.
Os Pendellos de Agolada datan do século XVIII e constitúen un dos campos de feira mellor conservados, xa que moitos outros recintos similares ou ben están en peores condicións de conservación ou ben foron substituídos por construcións recentes a ás veces pouco afortunadas. A súa situación nun cruce de camiños entre os vales do Alto Ulla e do Arnego, convertéronos nun lugar moi axeitado para a celebración de mercados e intercambios periódicos dos excedentes agrarios.
É de destacar o labor que nos últimos anos veu facendo a Asociación de Amigos dos Pendellos a prol da conservación, difusión e utilización social e cultural deste singular conxunto etnográfico.
Agora os Pendellos da Feira antiga de Agolada van recuperar o seu valor cultural e social grazas ao convenio de rehabilitación acordado entre a Consellaría de Cultura e a Deputación de Pontevedra. Destinaranse 1.200.000 euros á restauración deste ben, declarado ben de interese cultural, co fin de evitar o deterioro do recinto e lograr a súa posta en valor devolvéndolle o seu uso público.
Estudos previos
Na actualidade Patrimonio Cultural xa está a desenvolver un plan de rehabilitación do recinto coa elaboración de estudos previos como o levantamento de planimetría, un estudo histórico, unha análise de patoloxías construtivas e funcionais e avances de propostas de novos usos para este conxunto patrimonial de interese etnográfico e histórico. Estes estudos teñen como obxectivo a elaboración dun plan director de restauración e rehabilitación para a ordenación de futuras actuacións.
O departamento que dirixe Ánxela Bugallo ten xa redactados dous proxectos de intervención dirixidos á rehabilitación da Capela das Virtudes e da chamada Casa das Neves para darlles un uso social como centro multiúsos o primeiro, e punto de información e explicación de todo o conxunto, o segundo.