Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
DATOS DE 2005

Os galegos, entre os que menos gastamos en cultura

Malia a experimentar un importante crecemento nos últimos anos, Galiza continúa á cola en canto a consumo de bens e servizos culturais.

Redacción - 13:19 15/04/2008

168 euros por persoa e ano. Iso é o que os galegos gastamos de media en adquirir bens e servizos culturais, segundo datos de 2005, os máis recentes dos que se dispoñen. A cifra, que mellora substancialmente a rexistrada en 2004 (155 euros) e 2001 (133), continuaba deixando ao noso país entre as Comunidades Autónomas con menor gasto cultural, moi lonxe da media do Estado Español (243 euros por persoa e ano) e superando apenas a Castela A Mancha, Estremadura e Murcia.

En canto ao gasto público, os datos apuntaban en 2005 unha realidade ben diferente, pois en Galiza o investimento das administracións en materia cultural superaban folgadamente a media estatal, situándose por riba dos 47 euros por habitante e ano, mentres que no Estado Español esta cifra ficaba en 34 euros. Galiza era a cuarta Comunidade Autónoma nesta materia, superada só por Navarra, Estremadura, Castela e León, e moi por diante de Cataluña, Euskadi, Andalucía ou Madrid.

Estes datos aparecen, entre outros moitos, no Anuario de Estatísticas Culturais, presentado este martes no Consello da Cultura Galega (CCG) por Ánxela Bugallo, Ramón Villares e Ángel Luís Tarrío Tobar, director do Instituto Galego de Estatística. O Anuario foi elaborado polo Observatorio da Cultura Galega do CCG e constitúe, en palabras de Ramón Villares, "un primeiro paso" nun traballo moito máis extenso que permitirá dispoñer no futuro de información estatística sistematizada que permita "planificar e avaliar as políticas culturais", como destacou Ánxela Bugallo.

26 mil empregados no sector cultural

Malia ao panorama apuntado anteriormente, caracterizado pola fortaleza do investimento público fronte á febleza do consumo privado en cultura, os datos estatísticos amosan un sector cultural que daba emprego en 2006 a máis de 26 mil persoas, o 2.3% do total de ocupados no noso país. E indicaban igualmente a existencia de máis de tres mil empresas dedicadas á creación ou xestión cultural. En total, no Estado Español a cultura empregaba directamente a 544 mil persoas, o 2.8% da poboación ocupada. Así pois, Galiza situábase en termos relativo algo por debaixo da media estatal, aínda que só era superada por Madrid (4.1% da súa poboación traballando no sector cultural), Cataluña (3.9%), Navarra (3.4%), Euskadi e Baleares (2.6%) e Comunidade Valenciana (2.4%).


Ligazóns

5/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Ramón Villares, Ánxela Bugallo, e Ángel Luís Tarrío, este martes no CCG
Ramón Villares, Ánxela Bugallo, e Ángel Luís Tarrío, este martes no CCG