A quinta parte dos veciños da Fonsagrada quedaron sen televisión despois do "pioneiro" apagamento analóxico de hai poucos días.
"É un problema que presenta o TDT na maior parte das zonas en que funciona e seguramente se trata dun problema técnico que se corrixirá nun prazo razoábel de tempo", comentou este luns o alcalde da Fonsagrada, o socialista Argelio Fernández.
Paradoxalmente, a festa coa que hai poucos días se realizaba o primeiro "apagamento" analóxico a nivel estatal, acontecemento para o que se escolleu A Fonsagrada, non foi acompañado do "acendido" dixital. O rexedor do municipio explica que a cobertura da da Televisión Dixital Terrestre, TDT, chega de momento ao 80% dos fogares do concello. Até o momento instaláronse seis antenas, aínda que, segundo Fernández, os técnicos apuran para concluír a situación doutra antena máis coa que se confía en obter unha maior calidade para a recepción do sinal televisivo.