As prazas do Toural, Quintana e Praterías acollen espectáculos de ilusionismo realizados por algúns dos mellores ilusionistas do mundo.
A II Semana Internacional do Ilusionismo chega tras o éxito da primeira edición que acrecentou o carácter máxico desta cidade. Segundo ten indicado o Mago Antón "quen chega a Compostela, chega polo camiño máis máxico de todos os camiños".
Este martes 15 destacan os espectáculos que terán lugar nas prazas de Praterías, Roxa e do Toural, convertidas en escenario dos mellores magos do mundo. Ás 13.00 h Jean Philippe estará na Praza Roxa; Malo, El Malísimo nas Praterías e Steve Faulkner na praza do Toural. Ás 19.00 h serán o Dr. Marrax, Miguelillo e Jean Philippe quenes estén na Praza Roxa, na das Praterías e na do Toural, respectivamente.
Tamén este martes comezarán as funcións de maxia nos Centros Socioculturais. Será o Centro da Trisca o primeiro en recibir a un mago nesta II Semana Internacional do Ilusionismo. Ás 18.00 h Cayetano LLedó fará unha función neste Centro do Barrio de San Pedro. Xa pola noite, ás 20.00 h, o Teatro Principal acollerá de novo unha Gala Familiar. Neste caso, será o Mago Pedro Volta o protagonista, co seu espectáculo Ilusión.