Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Barcelona

Edición xestionada por Xabier Paradelo
RSS de Barcelona
ENTREVISTA

Rexina Vega: "A creación con maiúsculas é a que se dá na poesía"

A escritora gañadora do Premio Xerais de Novela 2007 fala para Vieiros nesta entrevista da tamén escritora e poeta Pura Salceda.

Pura Salceda - 10:00 07/04/2008

Rexina Vega (Vigo, 1966) é doutora en Filoloxía Románica, coa tese Bilingüismo e autotradución en Álvaro Cunqueiro. Actualmente é profesora asociada da Universidade de Vigo e profesora de ensino secundario. Traballou dende hai moito tempo no eido do ensaio literario, fundamentalmente arredor da obra de Álvaro Cunqueiro, recibindo o premio Carballo Calero de investigación polo traballo Álvaro Cunqueiro. Unha poética da recreación. Tamén salienta o seu labor como crítica teatral na revista El Público e os seus artigos de crítica literaria apareceron publicados en revistas como Quimera, Anuario de Estudos Galegos, A Nosa Terra ou Grial. Como lexicógrafa publicou artigos para o Instituto Cervantes e foi redactora dalgúns dicionarios bilingües para Larousse ou Vox. Foi premio Sthendal e finalista do Premio Nacional de tradución pola obra El Secuestro, de Georges Perec. A súa novela Cardume é a súa primeira incursión no xénero narrativo de ficción e foi merecedor do Premio Xerais de Novela 2007.

Pura Salceda: Como lle cambia a un a vida cando é Premio Xerais de Novela?

Rexina Vega: Aínda, a tantos meses xa do Premio, non sei ben que contestar. O que me cambiou a vida, no máis fondo, foi o feito de ser quen de publicar unha novela. Ese era o meu soño, o que non daba feito por mil escusas. O feito de conseguir converterme en escritora foi para min o verdadeiramente importante. Sentín paz. Equilibrio. Logo viñeron todos eses rebumbios mediáticos do Xerais, pero iso é, en realidade, secundario, teñen que ver con algo que non é necesariamente a literatura, a escritura, é a proxección dunha sociedade, un tipo de espéctaculo...

P.S.: Cardume é, sen dúbida, a recuperación da memoria histórica dun período que xa queda moi afastado para os nosos fillos. Que cres que a túa novela achega a esta memoria?

R.V.: Cardume é a historia duns seres mediocres, conscientes da súa cativeza, pero que non se resignan. Cardume é a historia de seres anónimos acosados por unha situación límite e que deciden actuar, ou non. Fala da guerra como unha experiencia moral. Por iso, coido que debería prestarse a unha lectura actual: unha reflexión sobre o horror, sobre o horror da nosa historia contemporánea, pero que tamén podería aplicarse ao noso presente.

P.S.: Sei que tamén tes textos inéditos en poesía. Como creadora en ambos os dous xéneros, cal é o teu punto de vista sobre a valoración social da poesía e da narrativa?

R.V.: Para min a grande creación, a creación con maiúsculas é a que se dá na poesía. Todos os outros xéneros son un pálido reflexo. Intentei a poesía, de feito eses foron os meus comezos hai mil anos. Non era o suficientemente boa. Nunca considerei que estivese á altura dun xénero tan esixente. A miña escrita narrativa, porén, ten un claro alento lírico, busco que as miñas frases atrapen algo da transcendencia que ten un bo poema. En canto á valoración social, ese é un feito que me alporiza. Non dou comprendido como pode haber tanta sobrevaloración da narrativa, e nin sequera da narrativa, senón da novela. Son criterios de mercado, algo que ten a ver con esa espectacularización da cultura da que falaba antes.

P.S.: Durante a túa etapa catalá, ao fronte de cursos de galego como profesora da Universitat Autònoma de Barcelona, participaches activamente na cultura da diáspora galega en Catalunya, non só dende a universidade senón tamén dende a vida asociativa dos centros galegos. Que valoración che merece a túa experiencia neste censo?

R.V.: Cando, logo de moitos anos, volvín a Galicia, atopei un contexto cultural moito máis esvaecido do que eu gozaba na Galicia Catalá. Estaba afeita ao entusiasmo, ao interese auténtico, mesmo á calidade lingüística conservada polos emigrantes. O que encontrei ao chegar foi unha atonía e un cinismo respecto da cultura propia que non tiña nada que ver coa miña experiencia na diáspora. Logo aconteceu o do Prestige e fun matizando a miña impresión, pero sigo tendo saudade desa especie de comunidade ideal que formamos, que formades aínda, a mil douscentos quilómetros de distancia e que pon en valor o mellor que somos como pobo.

P.S.: Que mellorarías?

R.V.: A potencia da xente, dos rapaces novos universitarios, dos moitos dos homes e mulleres das asociacións culturais, tiña que ser gobernada. Con todo, coido que a organización de todo ese movemento cívico deu lugar a unha serie de reinos de taifas, na Universidade, nos Centro Galegos, que causou malentendidos ou enfrontamentos innecesarios. Se cadra, cumpriría unha maior xenerosidade e diálogo por parte de todos.

P.S.: Supoñemos que sendo como es, terás xa proxectos novos. Podes falarnos dalgún deles?

R.V.: Teño un grande pudor ao falar de proxectos, son tan fráxiles sempre! En todo caso o que si podo dicir é que, xa case rematada esta sobreexposición pública que che dá o feito de recibir un premio importante, quero afastarme por un tempo da investigación universitaria e continuar escribindo a segunda novela, unha novela que empecei xusto cando acabei de entregar as copias de Cardume para participar nun premio que nunca soñei que me darían.


4,64/5 (11 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: