Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Fwwwrando

RSS de Fwwwrando
TDT

A Fonsagrada despide a televisión analóxica cunha festa

Actuacións musicais e presenza de membros do Goberno servirán para culminar un ensaio dun proceso que se vai desenvolver en todo o país.

Redacción - 17:50 04/04/2008

O concello da Fonsagrada convértese este sábado no primeiro do Estado en completar o proceso de transición á TDT, co apagamento analóxico. Dende o 5 de abril, dous anos antes da data límite imposta para todo o territorio estatal, a veciñanza do municipio lugués só poderá ver a televisión a través da tecnoloxía dixital.

O acto, anunciado para o mediodía, contará cunha importante presenza institucional. Presidirao o xefe do Goberno, Emilio Pérez Touriño, acompañado da presidenta do Parlamento, Dolores Villarino; o secretario xeral de Comunicación, Fernando Salgado; o secretario de Estado de Telecomunicacións, Francisco Ros; o presidente da Deputación de Lugo, Xosé Ramón Gómez Besteiro, e tamén os conselleiros de Educación e Traballo e mais o alcalde da Fonsagrada, Argelio Fernández Queipo. A parte musical correrá a cargo de Rosa Cedrón e Cómplices.

Grazas aos 2.000 descodificadores que se repartiron de balde polos fogares fonsagradinos, os veciños xa poden recibir, actualmente, 25 canles de televisión e 14 de radio. O plan experimental custoulle á Xunta 305.000 euros, que inclúen o financiamento dos descodificadores, fornecidos pola empresa galega Televés. Ademais, a experiencia piloto realizada na Fonsagrada, o concello de máis superficie de Galiza, o segundo do Estado e un dos que teñen a poboación máis dispersa, servirá para completar as fases do apagamento no resto do país.

Nesta idea incidiu o director xeral do organismo Impulsa TDT, Andrés Armas, que destacou o venres que A Fonsagrada é unha zona "idónea" para experimentar o apagón, debido á súa "singularidade". Afirmou que a implantación da televisión dixital terrestre está a cumprir os prazos previstos e advertiu que aquel que non cumpra os pasos non poderá ver a televisión a partir de 2010, ou mesmo antes.


3/5 (2 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: