Entre o 13 e o 20 de abril os corredores galegos han estar no Presidential Cycling Tour of Turkey.
A presenza do Karpin Galicia na Volta a Turquía confirma, segundo os seus responsábeis, "a expansión internacional do equipo galego na súa segunda tempada no pelotón", que comezou en Malaisia, co Tour de Langwaki, onde Gustavo C. Veloso quedou de terceiro.
Na tempada pasado o equipo ciclista profesional galego só correra fóra da península no Criterium International (proba que tamén disputou o fin de semana pasado, cunha boa actuación); pero esta tempada o KGZ xa ten concertadas outras dúas probas por etapas máis, a desenvolver en Francia en xuño e en setembro.
A Volta a Turquía
Está incluída no calendario europeo UCI, e ha contar coa participación de 25 equipos de seis corredores cada un; cinco Pro Tour (Silence Lotto, Saunier Duval Scott, Team Milram, Lampre e Astana); oito equipos profesionais continentais (Karpin Galicia, PSK Whirlpool Author, Extremadura, Mitsubishi Jartazi, CSF Group Navigare, Benfica, NGC Medical, OTC Industria Porte, Serramenti PVC Diquigiovanni e Androni Giocattoli); e nova formacións da categoría de continentais (Tyrol-Team Radland Tirol, Hadimec AG, AC Sparta Praha, Team Ista, Cosmote Kastro, Centri della Calzadura Partizan, Atlas-Romer's Hausbäckerei, StegComputer-CKT Cogeas e Brisa Cycling Team). Completan a participación tres equipos nacionais de Turquía, Holanda e Irlanda.
A carreira turca consta de sete etapas e un prólogo, que será co que se inicie a volta o 13 de abril, en Istambul. A etapa máis longa será a quinta cun percorrido de 177,7 quilómetros e, aínda que a rolda ten un perfil xeral bastante suave, as maiores dificultades orográficas hanas atopar os ciclistas no cuarto e quinto días de carreira.