Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Bos Aires

Edición xestionada por Débora Campos
RSS de Bos Aires
MAIS DE 20 DÍAS DE FOLGA

Os arxentinos quedan sen comida por un 'lock out'

Neste momento na Arxentina é imposible mercar carne, verduras e froitas por mor dunha poxa entre o goberno e as ricas entidades agropecuarias.

Débora Campos - 19:37 03/04/2008

Os problemas de abastecemento de alimentos a comercios e organizacións sociais da Arxentina volveron estar presentes entre as preocupacións de funcionarios nacionais e provinciais, así como de dirixentes empresarios afectados pola falta de insumos. O ministro de Economía, Martín Lousteau, sostivo que as entidades agropecuarias "din que non queren desabastecer", pero remarcou que "iso é o que fixeron nestes 20 días de paro, ademais de tirar comida nas rutas".

"Non se pode xogar coa comida da xente", advertiu Lousteau, á vez que subliñou que "a reflexión tería que vir antes de parte das entidades".

O gobernador bonaerense, Daniel Scioli, analizou con parte do seu gabinete ministerial como garantir o abastecemento e os stocks dos alimentos reservados para a atención de hospitais, comedores escolares e cárceres. Oficialmente anunciouse que "por agora non hai, en termos xerais, faltantes", aínda que non se descartou que de continuar os bloqueos na rutas, poidan chegar a producirse desabastecementos.

Posíbeis carencias en hospitais e colexios

O director do Hospital Rossi da cidade La Plata, Óscar Ferrara, aínda que asegurou que ten reservas, mostrouse partidario da aplicación da Lei de Abastecemento para evitar un potencial faltante de alimentos para os enfermos internados nos 77 hospitais públicos da provincia de Buenos Aires.

Pola súa parte, Miguel Díaz, secretario xeral de Unión Docentes da provincia, denunciou faltantes de alimentos nos comedores escolares: "desgraciadamente -dixo- dende hai unha semana non hai carne, só comen fideos cun pouco de aceite ou arroz e outras cousas elementais que non son nutritivas para os nenos".

O presidente da Unión Xeral de Tamberos da Arxentina, Guillermo Draletti, afirmou que a maioría dos camións que transportan leite están sorteando os cortes de ruta, pero subliñou que iso non basta porque "as industrias non teñen lugar para recibir a mercadoría". Así mesmo, opinou que as medidas anunciadas onte polo Goberno "son para analizar", pero recoñeceu que "é interesante o que se está propoñendo", aínda que sostivo que "sería bo buscar outra forma que non sexa recadar e compensar".

Inspeccións nos comercios

O Goberno da Cidade de Buenos Aires realizou inspeccións a comercios de alimentos e comisou un total de 150 quilogramos de mercadoría en mal estado no barrio de Liniers, informouse oficialmente. Ademais, clausurouse un comercio e labráronse 48 actas de infracción en inspeccións a un total de 40 locais de vendas de alimentos situados preto da estación Liniers do ferrocarril Sarmiento.

Por outra banda, supermercados e pequenos comercios marplatenses sofren as consecuencias do paro agrario pola falta de carne, pitos, lácteos ou aceite, onde ademais en moitos comercios xa se nota o incremento das froitas e verduras.

En Mendoza, o Banco de Alimentos hai 15 días que non recibe doazóns, segundo informou a súa directora, Virginia De Luca. Este Banco de Alimentos prové a unhas 70 organizacións en Mendoza, no Oeste do país, entre as que hai comedores solidarios que involucran a máis de nove mil nenos.


3,67/5 (3 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: