Esta opción permitiría que os nacionalistas galegos quedasen como primeira forza do grupo mixto.
Representantes do BNG chegaron este xoves pola tarde a un acordo con ERC, IU e ICV para constituír un grupo propio. Os nacionalistas galegos cederanlle provisionalmente os seus dous deputados, que posteriormente volverán ao grupo mixto.
O deputado Francisco Jorquera explicou que se tomou esta decisión logo de comprobar que tanto PSOE como PP non estaban dispostos a favorecer a subdivisión do grupo mixto, un obxectivo que era prioritario para os nacionalistas galegos. Jorquera sinalou que o acordo é "algo transitorio e provisional" e que en ningún momento significa unha alianza política: "Actuaremos como actuamos até o de agora".
Dende o BNG, aseguraron que tiñan informes xurídicos que non avalaban outros pactos para lograr un grupo propio. Fontes nacionalistas consultadas por Vieiros aseguraron que a postura dos socialistas foi intransixente en todo momento. Un destacado dirixente sinalaba que, aínda que cordiais, as relacións co PSOE son "frías". A solución de pactar provisionalmente con ERC, IU e ICV permite "alixeirar" o grupo mixto e darlle máis protagonismo ao BNG dentro do mesmo.
Para poder constituír un grupo propio precísase un mínimo de cinco deputados e un 5% dos votos totais emitidos nos comicios. Aínda que ERC, IU e ICV suman os cinco parlamentarios, non chegaban ao 5% dos sufraxios (4,8).
Horas antes do acordo con ERC, IU e ICV, Jorquera reuniuse co monarca español, Juan Carlos de Borbón. No encontro previo á investidura do presidente, o deputado nacionalista xa lle anunciou ao rei que o Bloque se vai abster. Os nacionalistas só cambiarán de actitude se ven xestos de Rodríguez Zapatero proclives ás súas demandas.