Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
EN ABRIL EN COMPOSTELA

Ler en grupo

A nova biblioteca 'Ánxel Casal' inicia este mes un clube de lectura presencial e outro virtual, na procura dunha rede galega deste tipo de encontros.

Redacción - 13:30 03/04/2008

Un clube de lectura é un grupo de persoas que len ao mesmo tempo un libro; de xeito individual, por suposto, nas súas casas, e que despois coméntano en xuntanzas periódicas. Este tipo de encontros ten unha gran tradición noutros países, pero en Galiza aínda é un fenómenos recente. No noso país funcionan dende hai anos grupos de lectura en varias cidades vilas, case sempre ao abeiro das bibliotecas públicas; aí están os exemplos da Coruña ou de Oleiros. Pero é seguramente o clube de lectura posto en marcha polo Concello de Pontevedra o que mellor ten funcionado até o momento, sobre todo porque ademais das xuntanzas organizadas na biblioteca central da cidade, nos distintos barrios e parroquias de Pontevedra funcionan igualmente estes grupos.

Pontevedra é o espello no que se mirou a Biblioteca Ánxel Casal de Compostela, inaugurada o pasado venres, e que ao longo do mes de abril poñerá en marcha dous clubes de lectura: un presencial e outro virtual. Ambos os dous son gratuítos, teñen un número máximo de vinte participantes, que terán até o 18 de abril para inscribirse (nos organizados en Pontevedra houbo unha longa lista de espera), comezando de inmediato as actividades.

Leranse libros en galego, tanto libros clásicos ou contemporáneos, como traducións de obras foráneas á nosa lingua. As xuntanzas serán semanais no clube presencial, e mensuais no virtual, que levará a cabo as súas actividades a través dunha web (http://www.blogoteca.com/clvcompostela). Os debates sobre as lecturas propostas acompañaranse de proxeccións de filmes relacionados cos libros, e con encontros cos autores (no clube virtual estes encontros terán lugar a través dun chat).

Primeiros libros propostos
Entre as primeiras lecturas do clube, están Herba Moura (Teresa Moure), O club da calceta (María Reimóndez), Tres segundos de memoria (Diego Ameixeiras), Así nacen as baleas (Anxos Sumai), As rulas de Bakunin (Antón Riveiro Coello), así como as traducións ao galego Xuntos e máis nada (Anna Gavalda) e Brooklyn Follies (Paul Auster). Unha das autoras, Rosa Aneiros, estivo na presentación, e salientou que "o encontro cos lectores é o que lle dá sentido á escritura; é cando atopas o teu libro de verdade, cando foi lido e interpretado por outras persoas".

Cara a unha rede galega de clubes de lectura
O obxectivo da Consellaría de Cultura é a posta en marcha dun número cada vez maior de clubes de lectura en todo o país. Nos vindeiros meses, pecharanse acordos cos concellos para organizar grupos coma os de Compostela ou Pontevedra ao redor das bibliotecas nodais da Coruña, Vigo, Ourense e Lugo. Ademais, abriuse unha convocatoria de axudas para este tipo de proxectos, concedendo achegas económicas a un total de sesenta grupos en distintos lugares de Galiza.

O seguinte paso será a coordinación e traballo conxunto destes clubes (intercambio de libros, visitas de autores...), un obxectivo par ao que poñerán este ano as primeiras pedras, coa realización de cursos para dinamizadores de clubes de lectura, a edición de guías e material de consulta, e a organización nos últimos meses do ano dunhas xornadas sobre dinamización cultural, centradas nestes grupos de lectura.


3,75/5 (4 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: