Son os dous olímpicos, pero aínda hai máis deportistas do país, como Tamara Abalde, Roberto Abal ou Fredi Bea.
Ámbolos dous teñen moitas opcións de medalla en Beixín 2008, e o deporte español sábeo. Por iso aparecen os seus nomes na listaxe elaborada polo CSD cos deportistas do Estado considerados de Alto Nivel. Mais, alén dos nomes dos olímpicos galegos, o CSD inclúe na súa listaxe unha chea de deportistas do país, como os tamén palistas Roberto Abal, Jaime Acuña, Jaime Dobarro ou Alfredo Bea, por exemplo; e a xogadora de baloncesto Tamara Abalde (que triunfa na liga universitaria dos EUA), entre moitos outros.
Algúns deles son atletas que representarán o Estado en Beixín 2008
Cos atletas galegos e os dous olímpicos (o piragüista David Cal e o triatleta Xabier Gómez Noya) están recoñecidos deportistas, tamén olímpicos, como o ximnasta Gustavo Deferr, o ciclista Alberto Contador, o atleta Paquillo Fernández e moitos dos deportistas que han representar o Estado Español nas Olimpiadas deste verán.
A resolución do CSD foi publicada esta cuarta feira no BOE (Boletín Oficial do Estado) e nela hai á volta de que alcanzaron a condición de deportistas de Alto Nivel.
Novidades para os deportistas de Alto Nivel
O 13 de xullo do ano pasado o Consello de Ministros español aprobou un novo Decreto sobre Deportistas de Alto Nivel que substituía o anterior (de 1997), ampliando as medidas sociais aplicábeis a este colectivo (incluíndo novas disposicións en canto á formación, á entrada e integración do mundo laboral e beneficios fiscais, xunto ao aumento do número e das contías das bolsas ADO).
O novo Decreto ademais permite acrecentar até os 10 mil o número de deportistas de Alto Nivel. Tamén aumenta o tempo no que se poderá gozar das vantaxes desta categoría (de 3 a 5 anos con carácter xeral, e de 5 a 7 no caso de medallistas olímpicos). Tamén se lles reservan cotas de acceso á universidade e á formación profesional.