Os alumnos do IES Rosalía de Castro de Compostela elixiron tamén a Mankell, Updike e Barnes entre os novelistas de fóra do Estado Español.
Os premios de narrativa 'San Clemente' teñen a particularidade de que o xurado está composto por alumnos de secundaria do instituto compostelán Rosalía de Castro, xunto con outros catro centros de todo o país, un por provincia. Na categoría de novela en galego, foros seleccionados finalistas Así nacen as baleas de Anxos Sumai, Cardume de Rexina Vega e Mentres a herba medre de Xesús Rábade Paredes.
Tamén se elixe unha novela en castelán, unha categoría na que os finalistas son Hoy Júpiter de Luis Landero, Crematorio de Rafael Chirbes, e La muerte lenta de Luciana B. de Guillermo Martínez. Finalmente, outro premio escolle obras recentes de autores de fóra do Estado Español editados en galego ou castelán; os candidatos son Arthur e George (Rinoceronte) de Julian Barnes, Terrorista (Xerais) de John Updike, e Zapatos italianos (Tusquets) de H. Mankell. Os gañadores, que recibirán un premio de nove mil euros, coñeceranse en xuño.
Gañadores de prestixio
O pasado ano os gañadores foron María Reimóndez en galego (O club da calceta), Vicente Molina Foix (El abrecartas) en castelán, e Haruki Murakami (Kafka en la orilla) na categoría de fóra do Estado. En edicións anteriores, este premio contou entre os seus gañadores con autores de prestixio como Isidro Novo, Javier Cercas e Abraham Yehohua (2006), Teresa Moure, Álvaro Pombo e Melania G. Mazzucco (2005), Pilar Buela, Carlos Fuentes e Jeffrey Eugenides (2004), ou Almudena Grandes, Jonathan Coe e Rosa Aneiros (2003).