A editorial denuncia incumprimento de contrato e a autora acúsaa de non ter aceptado a súa estratexia de tradución 'non sexista'.
Poucas veces unha tradución derivou nunha polémica tan acendida como a de O curioso incidente do can á media noite (a partir de The Curious Incident of the Dog in the Night-time, do británico Mark Haddon). Hai uns anos María Reimóndez fixo a tradución e ofreceulla a Xerais, pero pouco despois foi Rinoceronte quen se fixo cos dereitos da edición en galego. A editorial aceptou a tradución realizada por Reimóndez ("malia ser norma da casa non aceptar traducións non solicitadas"), aínda que con dúas condicións: pagaríaselle menos e e a tradución sería sometida a un nivel de intervención alto. Até aquí ambas partes están de acordo.
María Reimóndez adoita levar a cabo "estratexias de tradución non sexista" nos traballos que ten realizado para Galaxia, Xerais e Edicións Positivas, con base tamén no seu labor investigador (a súa tese de doutoramento tratou sobre as interaccións entre a ideoloxía, o feminismo e a tradución). Nas adaptacións do inglés (onde o xénero é neutro) ao galego, este traballo é importante. Porén, a corrección levada a cabo pola editorial anulou boa parte destas escollas de xénero, algo que non foi aceptado por Reimóndez, que o considerou unha acción sexista: "curiosamente a corrección cambiaba a 'surfeira' por 'surfeiro' e o 'mentireiro' por 'mentireira'. Para o corrector no mundo as mulleres non facemos surf pero si somos unhas mentireiras".
Rinoceronte púxose daquela en contacto co axente de Mark Haddon, quen lles indicou que non se aceptaría que se modificase o xénero das personaxes da novela. Porén, Reimóndez afirma que non se lle expuxo aos representantes do autor con veracidade cal era o problema.
A discusión chegará a xuízo
Pero detrás desta polémica non están unicamente cuestións de xénero, senón a propia noción de tradución como creación, que María Reimóndez defende: "é un traballo creativo, non unha caixa negra", pero ao que se opón Moisés Barcia. Moisés Barcia, director de Rinoceronte, manifesta estar "desbordado" pola transcendencia acadada por este asunto e acusa a María Reimóndez de manipular a obra ("se quere que todos os personaxes sexa mulleres, que faga ela literatura") e de querer prexudicar á editorial.
Parece de que maneira inevitábel, toda vez que o libro foi finalmente publicado por Rinoceronte con tradución de Moisés Barcia, a polémica acabará nun xuízo, no que se debaterán cuestións contractuais, pois a tradutora acusa á editorial de rescisión ilegal do contrato e Rinoceronte denuncia incumprimento do mesmo.