Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
1 DE ABRIL

Se os burros fosen onde debían ir...

A rede, incluído Vieiros, celebrou o día publicando algunhas andrómenas.

Redacción - 09:00 02/04/2008
Tags: 1 de abril

O 1 de abril, cando os burros van onde non deben ir, é o día das bromas nunha boa parte da Europa Occidental, incluída Galiza. No noso país, diversos medios e blogs aproveitaron a xornada para coar algunha información máis ou menos inventada.

E Vieiros non podía ser menos. Se hai tempo lles contamos que Bill Gates e Steve Ballmer foran vistos comendo unha churrascada no Santiso; ou da primeira misa en klingon nunha igrexa galega; ou mesmo que a presidenta do Parlamento promovería un disco con versións "multiculturais" do himno... Desta volta tiñamos outras argalladas. Como moitos dos nosos lectores xa supoñerían, a entrevista ao garda civil independendista e o lanzamento do Billarda All Stars para a Wii, publicadas este martes, non son unha realidade... polo de agora. O que si podemos asegurar é que o resto son certas, aínda que houbese quen o dubidase.

No mundo anglosaxón, o April Fools' Day está moi estendido e raro é o medio de comunicación ou a empresa que non pon algunha trampa para que caian nela os máis cándidos. Na portada da Wikipedia do 1 de abril de 2008 faise referencia ao Efecto gravitacional xoviano-plutoniano, unha broma gastada pola BBC Radio 2 en 1976 sobre unha suposta conxunción entre Xúpiter e Plutón que ía reducir a forza de gravidade da Terra até o punto de que se a xente chimpaba no momento exacto, podía sentir como aboiaba no aire.

A compañía aérea irlandesa de baixo custo Ryanair anunciou a posta en marcha dunha web erótica, Ryanbare, que ao final resultou sendo unha campaña sobre as súas "obscenamente baixas tarifas". E, de novo no Reino Unido, a BBC presentou unha reportaxe sobre uns supostos pingüíns voadores.

Outra empresa que habitualmente aproveita a xornada para facer anuncios de novas características imposíbeis é Google, aínda que ás veces son certas, como fora no seu día a presentación do servizo de correo electrónico, daquela dun insólito xigabyte de capacidade, Gmail. Desta volta presentou o Gmail Custom Time, que permite enviar correos electrónicos ao pasado, no caso de que esquezamos algún aniversario ou acontecemento semellante, e unha alianza con Virgin para lanzar o proxecto Virgle, para poñer en marcha unha 'expedición de código aberto' a Marte. Por se fose pouco, todas as ligazóns dos vídeos destacados da portada de YouTube levaban a un clip do cantante dos anos 80 Rick Astley.


5/5 (6 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: