A coruñesa Chelo Suárez gañou o certame coa súa novela 'Os Milagres de Cristamar', unha historia "irreverente", cunha linguaxe elaborada e trasfondo lírico.
A historia transcorre en Cristamar, unha cidade moi recoñecíbel (abonda por pensar nalgunha cidade costeira galega con moitas galerías), entre a rúa do Galo Falangueiro, a rúa de putas con máis sona, e o convento das Odiseas Descalzas, onde salienta o corpo incorrupto de santa Branca Odisea... Nesta descrición xa hai algúns elementos que permiten imaxinar por que a novela foi rexeitada nalgunha editorial por "irreverente".
Irreverente é, como a arte, e sensual e erótica, e por iso gañou o premio de literatura erótica Narrativas Quentes que dende hai catro anos convoca Edicións Positivas. Na pasada edición quedara deserta, algo que non sucedeu nesta ocasión debido á calidade da novela de Chelo Suárez, "cunha escrita que te enreda e te secuestra, cunha lingua moi elaborada sen que o pareza", segundo Francisco Macías, director da editorial.
Chelo Suárez, que foi finalista do Premio Xerais de Novela en 2006 con Venus de Cristal (publicada pola editorial en 2007), e que agora prepara unha obra poética en Espiral Maior, únese a Manuel Lourenzo, que gañou a primeira edición con Infidelicidades, e a Alberte Momán, que se fixo coa segunda con O Lobo da xente.