Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Deportiva

Xestionado por Vieiros
RSS de GZ-Deportiva
En Compostela

O baloncesto feminino galego vai vivir dúas das súas citas máis importantes

A Federación Galega de Baloncesto e o C.B. Pío XII organizan a Fase de ascenso á Liga Femenina e o Campionato Estatal de Clubes Júnior Feminino.

Redacción - 12:55 01/04/2008

A Federación Galega de Baloncesto e o C.B Pío XII asinaron esta segunda feira os dous contratos para a organización e desenvolvemento da Fase de ascenso á Liga Feminina e do Campionato de España de Clubes Júnior Feminino.

Francisco Martín, o presidente da Federación Galega de Baloncesto, recoñeceu que a celebración destes dous eventos é "un reto que se acolle dende a Federación con gran ilusión "e sobre todo coa "intención de apoiar a Pío XII, quen realmente asume este compromiso".

Pola súa banda, o presidente do C.B. Pío XII, Pedro Caldas falou da Fase de Ascenso á Liga Feminina, na que probabelmente participe o seu equipo. Caldas vaticinou unha competición "igualada" e unha grande oportunidade para aumentar o interese polo baloncesto feminino en Santiago e en Galiza.

Fase de ascenso e Campionato de España

Esta Fase de Ascenso a Liga Feminina reunirá en Compostela, do 30 de abril a 4 de maio, os oito mellores equipos da Liga Regular da Liga Feminina 2. Están en xogo dúas prazas de ascenso, nunha competición que enfrontará, nunha única liga, a unha soa volta, aos catro primeiros clasificados de cada un dos grupos da Liga Feminina 2 (A e B). Os dous primeiros clasificados de cada grupo son os que acceden ás semifinais.

Por outro lado, a Fase Final do Campionato Estatal de Clubes Júnior Feminino desenvolverase do 20 ao 25 de maio. Para esta Fase Final Galiza, como organizadora, ha contar cun equipo clasificado directamente. Ademais han participar os equipos Campión e Subcampión de cada un dos grupos das Fases Interautonómicas e outros tres equipos que clasificarán aos seus grupos polos resultados obtidos do 1 ao 3 no Campionato de España da súa categoría na tempada anterior.

Os doce conxuntos clasificados repartiranse en catro grupos de tres equipos cada un, cun límite de tres equipos da mesma Comunidade Autónoma en cada grupo. O campionato disputarase cunha liga a unha volta e os dous primeiros equipos de cada grupo clasificaranse para cuartos de final.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: