A pasada fin de semana, en Santa Cruz de Tenerife, o deportista sumou máis un título ao seu palmarés. O resto de deportistas do país tamén cumpriron.
Había 105 xogadores na categoría masculina e 26 na feminina no Campionato Estatal de squash, desenvolvido a pasada fin de semana en Santa Cruz de Tenerife, e entre eles estaba Borja Golán, que ía a polo seu sétimo título seguido, cousa que finalmente conseguiu.
Era o principal favorito, e comezou o torneo enfrontándose na primeira rolda ao asturiano Santi Solla, e na segunda ao tinerfeño Jordi Bercedo, vencendo a ámbolos dous por 3 a 0.
En cuartos de final, Golán gañoulle ao número dous catalán, que tamén foi campión estatal, Víctor Montserrat, quen caeu ante o xogador de Amio con idéntico resultado: 3-0. Xa en semifinais Golán gañoulle ao terceiro xogador do Estado, o castellonense Ález Garbí, volvendo gañar outra vez co repetido 3-0. Na final Borja Golán volveuse enfrontar un ano máis ao número dous, o catalán Oriol Silva, ao que venceu nun partido máis complicado que os anteriores, por un 9 a 0.
Golán sumou deste xeito o seu sétimo título seguido, tendo a mellor marca estatal, e seguindo coa súa racha de non perder un só partido en torneos estatais.
Os outros galegos
O resto do combinado galego tamén realizou un bo papel. O pontevedrés Damián Arosa chegou a oitavos de final, mentres que o compostelán Carlos Cornes, conseguiu chegar á proba de consolación, tras perder na primeira rolda.
En mulleres, a catalá Elisabeth Sadó impúxose á viguesa Xisela Aranda por 3 a 0, continuando co seu dominio no squash feminino. A santiaguesa Marga Navarro chegou aos cuartos de final, tras ser eliminada pola campioa estatal, a tamén compostelá Carla Fernández, que terminou o torneo como subcampioa de consolación.