Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Satisfacción cos primeiros cambios no PP

Feijoo aspira a que o PPdeG gañe cota no novo organigrama de Rajoy

Os populares galegos pretenden saír reforzados a nivel estatal cos reequilibrios internos de poder.

Redacción - 09:00 01/04/2008

A confirmación de que o presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijoo, será un dos nove elixidos para a elaboración dos relatorios que articularán o debate no próximo congreso a celebrar polo PP, sería exemplo do papel protagonista a asumir polo líder dos populares galegos no novo organigrama do partido. Xunto coa presidenta do PP balear e o secretario xeral do PP en Castela e León, Feijoo participará especificamente no deseño dos novos estatutos do partido. "Non é un tema menor porque se trata de elaborar o novo modelo popular", recalcou, explicando que o devandito relatorio definirá a organización interna do PP, o modelo de traballo, o réxime de incompatibilidades ou a organización central e territorial.

O propio Núñez Feijoo aplaudía este luns unha das primeiras decisións para este novo treito anunciadas por Mariano Rajoy, opinando que a elección de Soraya Sáenz de Santamaría e Pío García-Escudero como voceiros do Congreso e do Senado, respectivamente, vai na liña de "conxugar experiencia e renovación" que a militancia lle reclamaba a Rajoy. En conversa con Europa Press, Feijoo recordaba ademais que a cabeza de lista do PP por Pontevedra, Ana Pastor, será en Madrid vicepresidenta da Mesa do Congreso.

A prensa estatal dá por feito que o líder do PP galego, Alberto Núñez Feijoo, abrollará ao público como unha das referencias de poder no PP no conxunto do Estado á beira do valenciano Francisco Camps, o andaluz Javier Arenas e a madrileña Esperanza Aguirre. Son estas catro de feito, as delegacións que achegarán máis delegados ao próximo congreso do partido. Con todo, tamén se dá por feito que se abrirá unha loita entre a líder do PP madrileño, por un lado, e o resto de "baróns", polo outro.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: