A tradución do sistema operativo darase a coñecer nunha xornada que terá lugar no Palacio de Congresos de Compostela.
A tradución ao galego da última versión do sistema operativo de Microsoft, Windows Vista, darase a coñecer o vindeiro martes 8. Ese día presentarase oficialmente durante a xornada "Novas ferramentas TIC en galego para mellorar a produtividade", que se vai desenvolver no Palacio de Congresos de Santiago de Compostela.
A xornada está organizada pola Fundación Galega da Sociedade do Coñecemento, Ineo, e Microsoft, e servirá para presentar, entre outras novidades, a campaña "Faille un clic ao galego". Co apoio das empresas Dell, Investrónica e HP o acto servirá tamén para dar a coñecer as novidades que introducirá a compañía de Bill Gates para facilitar o uso dos programas en galego e os equipos que os levarán preinstalados.