Cultura e o IBBY aproveitan este contexto para firmar un convenio de colaboración a prol da literatura para os máis pequenos.
Comeza a 45 edición da Feira de Literatura Infantil e Xuvenil de Boloña, e este ano vén cargada de achegas galegas. Preto de cen títulos e case unha vintena de editoriais representarán as nosas letras até o vindeiro 3 de abril nun stand que conta coa participación da Consellaría de Cultura e da Asociación Galega de Editores.
A través desta feira, búscase ofrecer novas saídas para literatura infantil e xuvenil galega, nun encontro no que participan máis de 66 países, 5.000 profesionais e 1.300 expositores. Para facilitar a promoción, a Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural publicou materiais promocionais entre os que se atopa un catálogo que baixo o título de Galician Books for Children & Young Adults 2008 compila un cento de títulos editados en galego no noso país.
Convenio co IBBY
Aproveitando este contexto, a Consellaría de Cultura asinará un convenio de colaboración co IBBY, a máxima institución internacional para a promoción, patrimonio e defensa do libro infantil. A conselleira deste departamento, Ánxela Bugallo, tamén fará entrega dun dos Premios Hans Christian Andersen do IBBY, e asistirá a entrega dos galardóns aos mellores libros de 2007 no que se lle entragará a mención de honra á editorial galega OQO, por O gran libro dos retratos de animais.
Pola feira pasarán tamén Xabier P. Docampo, que presentará a revista internacional de arte e literatura infantil Bloc o día 1 de abril, e a escritora María Reimóndez, que fará o mesmo coa tradución ao italiano do seu último libro, Il club della calzetta.