O colectivo Alter-EU advirte do poder dalgún lobby e dos problemas de transparencia na Comisión Europea.
A análise de Alter-EU repara especialmente no traballo dos grupos de expertos da Comisión Europea, un labor que sinalan como pouco coñecido e ao que lle atribúen unha importancia decisiva á hora de botar adiante os proxectos lexislativos. Segundo advirten, o traballo de presión dos lobbies industriais céntrase moito neste ámbito, na procura de privilexiar os puntos de vista máis favorábeis aos seus intereses.
"Estes grupos son responsábeis de darlles forma ás políticas da Comisión Europea nalgúns dos ámbitos e temas máis controvertidos", sinala Yiorgos Vassalos, do Corporate Europe Observatory, e un dos autores do informe, "Sabemos que os grupos de presión da industria están xogando un importante papel nesta fase inicial do proceso de toma de decisións, pero non se está facendo público quen e como ten acceso", di o investigador. O informe de Alter-EU citan ao respecto asuntos como o da biotecnoloxía ou as emisións de vehículos, avisan de que un alto número dos membros destes paneis de expertos proceden do ámbito empresarial e propoñen que, cando menos, os nomes de quen participa sexan públicos.