Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
RUXE RUXE

"Non comprendemos por que non hai un programa de música na TVG"

A banda de Aríns publica novo disco, Xigante, que presentarán en directo na Sala Capitol de Compostela o 12 de abril.

Marcos S.Pérez - 10:30 06/04/2008

Ruxe Ruxe regresa á ruta e aos escenarios con Xigante, un álbum con estética setenteira (de aí tamén o vídeo no que pasean por riba de Compostela coma se fosen Godzilla) e son igualmente clásico, máis rockeiro. O disco estará na rúa o 12 de abril, o mesmo día que presentan os seus novos temas nun concerto na Sala Capitol. Como eles recoñecen, están "que suben polas paredes" por regresar aos escenarios.



Cando teremos o Xigantes na rúa?
A idea é telo para o 12, xusto. Porque o que queremos é dar un disco con cada entrada, a un prezo único de dez euros, que non é unha entrada barata, pero tampouco cara, e levas o disco de balde. Vai ser un concerto espectacular, con Markinhos Drinkin, Ultraqüans (tres dos antigos Papaqueixos, baixista, batería e guitarra), e Pito de Pikaso, que son uns rapaces, pero parecen Siniestro Total, teñen ese rollo.

Que hai de novo no novo disco de Ruxe Ruxe?
O novo disco cambia no sentido de que curramos moito máis o son. A banda vai mellorando cada ano, tamén, e neste disco conseguimos plasmar exactamente o que queriamos facer. Queríamos que soase máis cru, máis cremoso, parece un disco vello, un disco dos anos setenta. Buscamos facer un rollo moi roqueiro, moi do rock dos anos setenta.

E o vídeo. Como xurdiu a idea?

O vídeo fixérono nos estudios de Casa de Tolos, que agora fan moitos produtos audiovisuais. E saíu así, nin o currramos, nin había un storyboard. Había un chroma e como hai un vídeo dos Stones que ten ese rollo, pois así foi. Non deixa de ser moi kitsch, nótase que é cutre, e alí teñen medios para facelo moi ben, pero queriamos que quedase así.

Estades alí por riba das rúas da zona vella, entre a Catedral...
Si, o que pasa é que a xente que gravou as imaxes non é de Compostela, e por iso gravou a Catedral, cousa que non nos fai moita gracia, porque é caer no tópico.

Tampouco sae demasiado...
Si, pero a min rállame, tío. E non teño nada en contra. Do clero si, pero non do edificio. Pero a idea era esa, igual que as películas de Godzilla, ou do Gorila Ataca, nesas películas, e en Ed Wood, todo moi cutre.

E que tal a gravación en Casa de Tolos?
Xenial. Xa é o cuarto disco que gravamos alí. É aí en Mañufe, nunha aldea de Gondomar, e é como estar nunha eira dunha casa, é moi guai. O que nos leva aí é Segundo (Grandío), que leva traballando con nós dende o 2002 e entende moi ben ao grupo, é unha grande influencia. Tamén Siniestro é unha grande influencia para nós. Segundo influíu na maneira en que madurou o grupo.

Canto tempo durou a gravación?
Nós gravamos moi rápido, en catro días. O que buscamos é que sexa algo moi instantáneo, como unha foto: o que hai é o que se ve. Ás veces, se ti a algo dáslle moitas voltas, ao mellor noutras músicas mola, pero na nosa cargaríalo de algo que desvirtúa a idea que querías transmitir.

Siniestro colabora neste disco?
Non, noutros si que colaboraron Julián Hernández e Miguel Costas. Neste hai un tema no que están Xurxo Souto, Bocixa dos Zënzar e García dos Dios ke te Crew, que colaboran en Feliz, unha canción de sete minutos que está moi guai.

É máis fácil para un grupo saír adiante agora que cando comezastes vós?
Agora é máis fácil. A informática democratizou todo. Ti podes ir a un grande estudio, e facer un traballo da hostia, pero tamén podes facer un traballo da hostia na casa. Agora con dous mil euros podes mercar un ordenador e un micro e facer un traballo totalmente profesional. Agora conta o enxeño. Antes podía gravar en catro pistas, pero soaba como o carallo.

E o tema de tocar?
E despois esta ese tema, claro. Aló polo ano 2002 ou 2003, se cantabas en galego e non lle cantabas ao amor, case non podías tocar en ningún sitio; nós estivemos algún verán facendo dous ou tres concertos. De feito case non había grupos cantando en galego, porque era dificilísimo, pechábanse moitas portas e de feito desapareceron case todos os festivais. E aguantamos tres ou catro grupos, nada máis. Politicamente dábannos unha importancia que non tiñamos, porque nós non íamos cambiar o voto de ninguén. Agora en cambio, estamos nun momento caralludo, hai moitos grupos de moitos estilos, os medios están axudando moito. E está tamén internet, que non sei se é o medio máis importante, pero alí espállase todo.

Xa dicides que sodes dos poucos grupos que aguantastes dende os noventa, e pillastes o final do bravú...
De feito cando nacemos nós, había moitas reticencias á hora de empregar o termo bravú. Pero se resultaba que se eras da aldea, facías rock e metías un gaita, eras bravú, pois nós eramos os máis bravús de todos. Era unha etiqueta, non tiña máis importancia.

Credes que era necesaria a recuperación que se fixo este ano, co Castañazo, o disco dos 120 Capadores...?
Si, pero tamén é un rollo de amizade. Nós colaboramos no dos 120 Capadores porque nos encantaban os Diplomáticos, e fomos ao Castañazo porque nos levamos xenial con Rastreros. Non fomos reivindicar nada, pero si que é certo que hai que ter boa memoria, con Diplomáticos e con outros grupos, como Corosi Dansas ou Xenreira. Nós tivemos a sorte de ter uns profesores de luxo, porque compartimos escenario con todos estes. Agora pasaron doce anos e están todos máis gordos (risas). Agora os Diplomáticos parecen uns tipos que comeron aos Diplomáticos (risas).

Seguides ensaiando no cortello?
Si, claro

Pero por necesidade ou porque de verdade ten mellor acústica?
Ten dúas cousas que son moi importantes: que ten uns muros gordísimos e non molestas a ninguén, e despois que ten unha acústica moi boa, e despois que é o sitio que temos, que non temos outro. De todas formas tampouco é un cortello, xa; foi un cortello, agora é un local de ensaio. Cando nos metemos nós alí até houbo que romper os bebedeiros das vacas e houbo que botarlle cemento á chapa, porque aquilo era unha corte de vacas; botámolas fóra un venres e o luns xa estabamos tocando. Agora están todas as paredes cheas de fotos.

É coma un museo do grupo...
Si, toda a xente que vai alí flipa, porque hai cartaces e fotos dende a época que empezamos.

Con quen vos gustaría tocar?
Cos Pogues. Pero o importante é tocar e pasado ben. No fondo fainos a mesma ilusión tocar cos Pogues que con Ataque Escampe. E o que nos mola. De feito levamos un tempo sen tocar, mentres estivemos gravando o disco, e estamos que subimos polas paredes.

E despois do disco tedes novos proxectos. O aínda é moi cedo?
Nós a verdade, unha vez que gravamos un disco xa estamos pensando no seguinte. E a verdade é que temos un proxecto de gravar un directo para o ano que vén.

É que o voso directo...
Si, o que pasa é que eu cando vexo un concerto de calquera outro grupo digo 'que bos son, dios'. Nós non sei se somos bos ou malos, pero si que é certo que os nosos directos funcionan. Ideas temos moitas para facer cousas. Pero é como un dito que dicía Xurxo, algo así como 'córrevos máis a cabeciña que o almanaque'.

Como é unha semana na vida de Ruxe Ruxe? Cantos días ensaiades?
Mínimo ensaiamos dous días á semana, quedamos os martes e os xoves, dende as nove e media até as once e media, ou doce. Polo grupo pasou moita xente nestes doce anos, e agora os que estamos agora é unha gozada, porque levámonos xenial. E non é raro que despois dun ensaio vaiamos comer un churrasco por aí. Somos como unha parella recén namorada.

Canto de importante é que haxa grupos en galego?
Home, eu non sei, supoño que escoitar música en galego axuda a normalizalo. Pero é que no noso entorno o galego non ten ningunha crise, non temos ningún problema. Alí ninguén fala castelán, nin inglés nin en alemán; o galego é a única ferramenta de comunicación. Chega un xornal en castelán e no bar alguén le un titular en castelán e a noticia coméntase en galego. A crise vén porque aquí non valoramos o idioma que temos, e seguimos pagando as cousas do pasado. Pero o galego hai que normalizalo nas escolas, non é o traballo dos grupos, e tampouco creo que os grupos vaian salvar o galego, nin os escritores. Axudas a que sexa algo normal, pero hai que salvalo nas escolas, e meternos na cachola que é o noso idioma, un idioma fermoso, e para a música un idioma moito máis válido có castelán.

Estráñavos que siga sen haber un programa de música da TVG?
Seguimos sen comprender por que non o hai. Suso Iglesias é un punkie, é un tipo que se manifesta como un roqueiro, e un amante da música e un galeguista, pero na Galega non hai un puñeteiro programa de música. E sería moi importante. Porque se na tele saen grupos cantando en galego, igual os rapaces de Catoira que están todo o día falando en galego, á hora de montar un grupo cantarán en galego e non en castelán ou en inglés. E é caralludo que os grupos vexan que se cantas en galego vas ter unha repercusión, por exemplo como xa está pasando na radio.


4,31/5 (16 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: