Este venres constitúese o Comité Organizador do evento, ao que acudirán expertos internacionais en educación e cultura da paz.
A conselleira de Cultura e Deporte, Ánxela Bugallo, e o director da Fundación Cultura de Paz e ex director xeral da Unesco, Federico Mayor Zaragoza, presidirán este venres en Compostela a reunión de constitución do Comité Organizador do Foro 2010, evento que terá lugar o próximo Ano Xacobeo. A xuntanza comezará ás dez da mañá e terá lugar no Hotel NH Obradoiro.
Do 9 ao 12 de decembro de 2010 desenvolverase en Compostela un Encontro Internacional de Educación e Cultura de Paz, o Foro Mundial de Educación, así como diversas exposicións literarias, artísticas, de fotoperiodismo, de cine e de banda deseñada, entre outras. Ademais, o ano 2010 coincide co final da Década da Cultura da Paz e da non violencia proclamada pola Organización das Nacións Unidas (ONU) e así como correspóndese coa data do décimo aniversario da Fundación Cultura de Paz e o XXV Seminario Galego de Educación para a Paz, entidade promotora e organizadora do evento.
Baixo o lema Os grandes desafíos da educación, a investigación e a cultura da paz no século XXI, abordaranse de maneira interdisciplinar asuntos como a educación, a investigación, a cooperación, a xustiza, os dereitos humanos, a convivencia e as boas experiencias. O Comité Organizador estará formado por representantes de entidades e centros de investigación para a paz de toda a Península, como a Coordinadora Estatal AIPAZ, o Centro Pignatelli de Zaragoza, o Gernika Gogoratuz e Baketik do País Vasco, a Fundación per a Pau de Cataluña, a rede de Escolas de Paz de Andalucía e o CES da Universidade de Coimbra, entre outros.