Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Fwwwrando

RSS de Fwwwrando
PRODUTOS TECNOLÓXICOS

Samsung e Toshiba son as marcas máis 'verdes', segundo Greenpeace

O 'ránking verde' da ONG, que valora o respecto ao medio das empresas de electrónica de consumo, sitúa na cola a Nintendo.

Redacción - 14:30 25/03/2008

A listaxe que publica cada trimestre Greenpeace para analizar o grao de implicación ambiental das empresas tecnolóxicas amosa que Samsung e Toshiba son as marcas máis "verdes", mentres que Nintendo, Philips e Microsoft ocupan as peores posicións. En concreto, o fabricante xaponés de consolas é a compañía que fai un uso peor das substancias químicas e que menos recicla os seus produtos.

O 'ránking verde' de Greenpeace sitúa no alto da táboa a coreana Samsung e a xaponesa Toshiba, seguidas a pouca distancia da finlandesa Nokia polas súas boas prácticas. De Samsung valora positivamente a "coherencia" das súas prácticas e políticas e de Toshiba o avance que fixo na xestión dos residuos electrónicos, co que pasa ao alto da táboa despois de ser sexta no anterior estudo, de decembro de 2007.

Outro dos maiores ascensos na lista foi o da estadounidense Motorola, pola súa mellora na recolleita e reciclaxe nas Filipinas, a India e Tailandia, co que pasa do posto 14 ao 12. Porén, Nokia, aínda que subiu do noveno ao terceiro lugar, non está a recoller correctamente os residuos na India e en Rusia.

En calquera caso, Greenpeace valora a resposta positiva das empresas dende que se comezou a publicar a listaxe, en agosto de 2006, polo que anunciou que engadirá máis criterios de valoración nos vindeiros estudos, como o consumo enerxético, e endurecerá os que xa existen. A cualificación, que estuda os 18 principais fabricantes de electrónica de consumo, potencia a competencia por mellorar o respecto ao ambiente das diferentes compañías, ao tempo que fomenta o consumo responsábel.


5/5 (5 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: