Os candidatos nas dez categorías poderán ser propostos por máis de cinco mil entidades sociais ou culturais, así coma polo xurado, formado por quince recoñecidos profesionais.
O Estado Español conta cos seus premios nacionais, Catalunya tamén ten os seus, e a partir deste ano Galiza entregará os seus Premios Nacionais de Cultura. Haberá dez categorías, que buscan abranguer todos os eidos e manifestacións da cultura, entendida de xeito global: Arquitectura e Espazos Públicos, Artes Visuais, Artes Escénicas, Literatura, Música, Patrimonio Cultural, Pensamento e Cultura Científica, Cine e Audiovisual, Iniciativa Cultural e Cultura Tradicional e de Base. Os candidatos poderán ser propostos por ao redor de cinco mil entidades sociais e culturais de todo o país, ás que xa lles foi remitido un convite para participar na elección dos premiados.
Tamén poderán propoñer nomes os quince integrantes dun xurado único, encargado finalmente de decidir os galardóns, e formado por profesionais de recoñecido prestixio: María Xosé Agra, Rosario Álvarez, Xosé Ramón Barreiro Fernández, Xosé Luis Barreiro Rivas, Xosé Manuel Buxán, María Bouzas, Domingo Docampo, Laura Tato, María Isabel Fraga, Celestino García Braña, Ana Romaní, John Rutherford, Felipe Senén, Xurxo Souto e Ramón Villares.
O carácter participativo do proceso, a variedade de premios outorgados e o concepto de cultura, global e holístico, son os eixos dos galardóns, e distínguenos, dos Premios das Artes e das Letras que a Xunta viña entregando dende 1995, e que distinguían cada ano a unha figura senlleira da cultura galega, dende Antón Fraguas a Díaz Pardo, pasando por Filgueira Valverde, García-Sabell ou Pura Vázquez. A partir de hoxe hai un mes de prazo para presentar as candidaturas, e os gañadores, que recibirán quince mil euros por categoría, coñeceranse a partir de xuño.
Facer cultura, facer país
Na presentación dos premios, que tivo lugar no Centro Galego de Arte Contemporánea, tanto Ánxela Bugallo como Luis Bará salientaron que estes recoñecementos respostan a un desexo expresado polo sector dende hai anos e que representan unha mostra da confianza no valor da cultura e na súa importancia para o país. Son tamén unha mostra de cultura nacional normalizada, ao mesmo nivel cá doutros países, como España ou Cataluña, que contan dende hai anos con premios equivalentes. Por exemplo, os Premis Nacionals de Cultura de Catalunya veñen entregándose anualmente dende 1995 (cun precedente durante a Segunda República, entre 1932 e 1938) e contan na actualidade con quince categorías.
Na súa intervención, o presidente da Real Academia Galega, Xosé Ramón Barreiro Fernández, destacou que estes premios contribuirán "a facer país", e advertiu que aínda que a xestión cultural poida xerar polémica, "non debemos refugar facer cousas só porque xeren polémica".