Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
9 meses despois das eleccións

Acordo de goberno en Bélxica entre francófonos e flamencos

O democristián Yves Leterme, dos segundos, xurará como primeiro ministro esta fin de semana.

Redacción - 09:40 18/03/2008
Reynders, Leterme e Di Rupo

Reynders, Leterme e Di Rupo

Nove meses despois das eleccións federais e tras permanecer todo ese tempo sen un goberno formal, os máximos dirixentes francófonos e flamencos de Bélxica, as dúas principais comunidades lingüísticas do país, lograron na mañá deste martes un acordo sobre o programa do futuro Executivo, que será presidido polo líder democristián flamenco Yves Leterme.

Leterme e os presidentes das cinco formacións que participaron nas negociacións -o liberal flamenco Bart Somers (Open VLD) e o valón, Didier Reynders; o democristián flamenco Etienne Schoupe (CD&V) e a francófona, Joelle Milquet (CDH); e o socialista francófono, Elio Di Rupo (PS)- chegaron a un compromiso final tras unha noite enteira de negociacións, segundo informou a radiotelevisión pública francófona RTBF.

O acordo recolle medidas concretas en eidos crave como a política económica e social, a defensa do poder adquisitivo, o control da inmigración ou a loita contra o cambio climático.

Está previsto que os órganos de dirección dos cinco partidos ratifiquen o acordo nas vindeiras horas. O primeiro ministro interino, o liberal Guy Verhofstadt, presentará a súa dimisión ao rei esta quinta feira, e a fin de semana Leterme substituirao tras ler ante o parlamento a declaración gobernamental baseada no texto deste martes.

Nove meses de negociacións
Leterme, que gañou os comicios de xuño, tentou por dúas veces constituír unha coalición laranxa-azul cos liberais e cos demócratas francófonos e flamencos. Finalmente, o goberno belga vai estar sustentado por unha coalición máis ampla, na que ademais participarán os socialistas francófonos, malia os seus malos resultados electorais.

A retirada hai unhas semanas das negociacións dos nacionalistas flamencos do NV-A, socios do partido de Leterme, facilitou o acordo. Porén, a nova maioría nace baixo a incerteza da reforma constitucional, unha exixencia flamenca que aínda non se materializou e que segue unha vía de negociación paralela.


5/5 (3 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: