A edición 2008 caracterizouse pola atención emprestada aos temas mariños e á literatura cubana, así como pola variedade das actividades paralelas.
A novena edición do Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra pechouse, e a organización xa cavila nas propostas que ofrecerá a vindeira, na que o Salón celebrará o seu décimo aniversario. No balanzo final de 2008 destaca a elevada asistencia de público aos distintos espazos e actividades propostas, ao redor de vinte mil persoas, a metade delas estudantes da bisbarra pontevedresa.
Nesta edición, ademais, acentuouse á apertura ao exterior do Salón, a través da presenza de Cuba como país convidado, do mesmo xeito que a edición do pasado ano se dedicara a Brasil. As producións literarias e do deseño ao redor do libro infantil e xuvenil procedentes de Cuba ocuparon un lugar preeminente. O evento tamén diversificou as súas propostas, indo moito máis aló da simple presentación de libros e do debata ao seu redor: cinema, música, variados obradoiros (debuxo, escritura...), estenderon as actividades do evento por toda a cidade de Pontevedra. Ademais, os obradoiros de grafitti, de animación con plastilina e de realización de curtametraxes con sistemas de telefonía móbil concitaron o interese do público xuvenil.
Aínda que o Salón xa rematou oficialmente, parte das súas actividades continuarán durante o resto do ano. Grazas á iniciativa das Semanas do Libro e da Lectura, posta en marcha pola Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural, oito vilas galegas gozarán de parte da programación do Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra. En paralelo a esta viaxe pola xeografía galega, o Salón emprenderá unha longa travesía pola xeografía do mundo co gallo de propiciar novos encontros arredor deste mar de libros, de historias e de ideas que nos convocou en Pontevedra. O Salón farase presente en importantes foros internacionais do libro, entre eles as principais feiras europeas (Boloña, Líber, Londres, Frankfurt).