O líder espiritual tibetano denuncia un "xenocidio cultural" contra o territorio, pola política de ocupación do goberno chinés.
Un momento da entrevista / BBC
O Dalai Lama amosou a súa preocupación pola actitude do goberno chinés de cara ao pobo tibetano e reclamou unha investigación internacional sobre a represión chinesa contra as persoas que aínda seguen a manifestarse en Lhasa.
En declaracións á BBC, o líder espiritual tibetano acusou a Beixín de estar a cometer un xenocidio cultural no Tíbet. Tanques do exército chinés entraron en varias zonas da capital tibetana, á espera de recibiren unha orde para ocupar os barrios onde se están a producir as protestas. Os independentistas protestan pola ocupación chinesa e pola política de colonización do seu executivo, que enviou ao Tíbet milleiros de chineses, conseguindo que a etnia hun xa sexa maioritaria.
Beixín deu un ultimato para que os manifestantes abandonen as protestas antes de mañá se non queren recibir un "castigo severo". Porén, o Dalai Lama defendeu que se desenvolvan os Xogos Olímpicos de Beixín este verán, porque considera que é unha oportunidade para que a China demostre que defende a liberdade.
O goberno do Tíbet exiliado na India cifrou o número de persoas mortas nas protestas dos últimos días en oitenta, mentres que a China só recoñece dez.