Os combinados infantil, cadete e xuvenil de balonmán (masculinos e femininos) e a selección de baloncesto infantil masculina trouxeron consigo seis medallas e un cuarto posto.
A directora xeral para o Deporte, Marta Souto, recibiu esta sexta feira os compoñentes das seleccións galegas de balonmán, categoría infantil, cadete e xuvenil, tanto masculino como feminino, que participaron no Campionato Estatal, acadando tres medallas de prata, dúas de bronce e un cuarto posto. Tamén estivo coa directora xeral a selección galega de baloncesto, categoría infantil masculina, que acadou o terceiro posto no Campionato Estatal.
Segundo contan dende Deporte Galego, a Federación Galega de Balonmán está de noraboa, porque conseguiu meter todos os equipos entre os catro primeiros do Estado. Mais tamén hai alegría na Federación Galega de Baloncesto, co bronce dos mozos.
Marta Souto destacou, na homenaxe ás seleccións máis novas, que "queríamos darvos as norasboas porque este é o inicio dunha continuidade que vai traer para o Deporte Galego, e en concreto o balonmán e o baloncesto, sobrados éxitos".