A espera rematou. Certo é que o disco non sairá á venda até o 14 de abril, pero as novas cancións de
Uxía soarán en público por vez primeira este sábado
no Auditorio de Galicia de Compostela a partir das nove da noite, dentro do ciclo Sons da Diversidade. Será un concerto especial por moitos motivos. Uxía estará acompañada da súa banda, na que destaca o azoriano Paulo Borges, pero polo escenario pasarán moitos máis amigos, moitos dos artistas que colaboraron no álbum: os caboverdianos
Tito Paris e
Jon Luz, o guineano
Manecas Costa, ou o portugués Rubén Santos; tamén se escoitará o violín de Quim Farinha, a zanfona de Anxo Pintos e o serrucho de
Pulpiño Viascón.
Pasaron case oito anos anos dende que Uxía publicou o seu último disco de estudio,
A danza das areas. Neste tempo, a cantante colaborou en traballos de moitos compañeiros e amigos, homenaxes como a tributada a Zeca Afonso, e moi especialmente en cada unha das cinco edicións de
Cantos na Maré, organizadas até agora, das que é a coordinadora. Foron anos de viaxe, de travesía polo Atlántico e pola lingua común de galegos, brasileiros, portugueses, angolanos, caboverdianos... Un navegar que é eterno e que nunca remata, e no que Uxía foi coñecendo e descubríndonos a artistas de tres continentes, e no que se foi empapando de sons e tradicións musicais diversas. Unha viaxe da que resulta este
Eterno navegar.
Son quince cancións, entre as que se poden atopar
As nosas cores, un canto ás mulleres, no que colabora "a voz de veludo" de
Sara Tavares, e que no disco aparece en dúas versións, unha máis
afro;
Eterno navegar, que lle dá titulo ao disco, con letra do alentejano Paulo Abreu Lima; ou A Quimera, unha canción de Narf que xa fomaba parte do do repertorio dos concertos de Uxía. Hai homenaxes á Illa de Arousa (
A fala da serea) e a Compostela (
Berenguela); adaptacións de poemas de Celso Emilio Ferreiro (
Eu en ti: Eu xa te busquei/ cando o mundo era unha pedra intacta/ cando as cousas buscaban os seus nomes/ eu xa te buscaba) e de Marica Campo (
Nalgures). Hai
mornas de Cabo Verde (
Morna sentida) e unha canción tradicional azoriana (
A Lira) nunha revisión íntima e cun toque a Tom Waits na voz de Zeca Medeiros. E tamén unha nova versión de
Unha noite na eira do trigo, aínda que "pretendidamente lonxe da orixinal", e unha reinterpretación do
Alalá de Muxía.