Ao remate da súa primeira reunión, presentouse o portal PrazaDasLetras.org, que busca ser o referente do libro galego en Internet.
A función do Consello Asesor do Libro, que este venres se constituíu en Compostela, é o estudo de todas os aspectos relacionados co libro e a lectura, e o asesoramento da Administración nestas materias. Trátase dun organismo reivindicado dende hai anos por todos os actores do sector, que agora se atopan representados no seu interior. O Consello Asesor substitúe á Mesa do Libro ao abeiro da Lei do Libro e da Lectura que entrou en vigor en xaneiro de 2007 co obxectivo de afortalar o tecido editorial galego e fomentar a lectura entre a cidadanía.
Na primeira xuntanza, que tivo lugar este venres no CGAC, creáronse tres grupos de traballo, que se dedicarán a diferentes aspectos: a promoción do libro e a literatura galega no exterior; a promoción da lectura; e a elaboración de estudos e informes para o desenvolvemento normativo.
Composición do Consello
O Consello Asesor está formado por quince membros, sete deles da administración e outros oito dos sectores profesionais relacionados co libro. A presidencia correspóndelle á conselleira de Cultura e Deporte, Ánxela Bugallo, e a vicepresidencia ao director xeral de Creación e Difusión Cultural, Luis Bará.
Oito vogais pertencen ao sector do libro: Cesáreo Sánchez (presidente da AELG) en representación dos escritores; Xosé María Gómez Clemente (presidente da Asociación de Tradutores Galegos) dos tradutores; Jesús Blanco Cubeiro dos ilustradores; Alfonso García Sanmartín (presidente da AGE) dos editores; Carlos Docampo (Presidente da Asociación de Empresarios de Artes Graficas) das artes gráficas; Manuel Casal (de Grial Libros) dos distribuidores; Xaime Corral (presidente da FLG) dos libreiros e María Luz Corral (de Anabad-Galicia) dos bibliotecarios.
Complétase a composición con cinco vogais que representan á administración: a subdirectora xeral de Creación e Difusión Cultural, Cristina Fabeiro; María José Pérez Mariño en representación da Consellaría de Educación; Ana María Rúa Souto da Consellaría de Innovación e Industria; María Sol López Martínez da Secretaría Xeral de Política Lingüística, e José Luis Armada Castro da FEGAMP.
Prazadasletras.org
O portal web foi presentado este venres e aspira a converterse no referente do libro galego en Internet. Prazadasletras.org dálle continuidade á revista homónima en papel, da que se editaran catro títulos. Funcionará como aglutinador na Rede das diferentes accións que a Consellaría leve adiante para desenvolver o Plan de Fomento do Libro e a Lectura, no que se investirán 50 millóns de euros até 2011.
O portal conta cun extenso catálogo de autores en lingua galega, no que aparecen máis de 850 escritores, ilustradores e tradutores. Outro catálogo, que ao igual que o primeiro, será ampliado progresivamente, reúne ao redor de 350 referencias editoriais en galego, coas últimas novidades en narrativa, teatro, poesía e ensaio. A sección de actualidade da web inclúe noticias relacionadas co libro galego, áreas específicas dedicadas aos premios literarios e ás feiras do sector, e unha completa axenda con todos os eventos arredor do libro que se celebran en Galiza.
O portal conta tamén cunha sección titulada Coa lectura, na que se engloban contidos en profundidade, como entrevistas e reportaxes. En Le comigo, personaxes de diferentes ámbitos da vida social galega responden preguntas sobre as súas lecturas pasadas, presentes e futuras. E en Lecturas temáticas, escritores e expertos recomendan seleccións de libros galegos para achegarse a diferentes temas. Finalmente, a sección Vendendo fóra dá conta das iniciativas para a internacionalización do libro galego, con información sobre as diferentes propostas e axudas.