Na xuntanza desta semana aprobouse unha modificación que incorpora novas vantaxes tanto para propietarios como para inquilinos.
A conselleira de Vivenda, Teresa Táboas
O Consello da Xunta aprobou esta quinta feira un novo decreto que modifica o Programa de Vivenda en Aluguer, incorporando novas vantaxes tanto para propietarios como para inquilinos.
No caso dos primeiros, a Consellaría de Vivenda vai duplicar as axudas a aqueles que o fagan a través do Programa de Vivenda en Aluguer. A subvención de 6.000 euros a fondo perdido concedida até o de agora para rehabilitación vai pasar a ser de 12.000, co fin de que a oferta aumente.
Ademais, a modificación estabelece que as vivendas se poden incorporar ao programa coa condición de que non estean ocupadas no momento da solicitude. Xa que logo, suprímese o requisito do anterior decreto que obrigaba a que as vivendas levasen cando menos seis meses desocupadas.
No que atinxe aos inquilinos, o ámbito de posíbeis persoas beneficiarias da subvención ampliase xa que se incrementa o nivel máximo de ingresos que poden percibir os demandantes. Os ingresos ponderados máximos pasan a ser de até tres veces o IPREM, é dicir 20.121 euros ao ano (actualmente é de 2,5 veces, 16.768 euros ao ano).
Aluguer máximo de 600 euros
Ademais, a contía máxima do aluguer subvencionábel tamén é obxecto dun incremento. Até o momento estaba fixada en 450 euros en todos os concellos e pasa a ser de 600 euros nas grandes cidades e 500 euros no resto.