Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Fwwwrando

RSS de Fwwwrando
VIDA DIXITAL

Nanaimo, a cidade "googleizada"

Todos os datos físicos da cidade canadense pódense consultar detalladamente en Google Earth.

Redacción - 10:15 16/03/2008
Nanaimo, tal e como se ve en Google Maps

Nanaimo, tal e como se ve en Google Maps

A capital de Google Earth está no Canadá, concretamente na cidade de Nanaimo, na illa de Vancouver. Alí, absolutamente todo figura nos mapas de Google, até o punto de que o seu servizo de bombeiros puxo en marcha hai unha semanas un servizo de seguimento en tempo real.

Segundo se conta nunha reportaxe publicada pola revista Time, os veciños de Nanaimo xa non teñen que saír á fiestra para ver onde se produciu un incendio, senón que o poden seguir dende os seus computadores. Un dos responsábeis de Google Earth, Michael Jones, afirmou que Nanaimo xa é a cidade máis dixital, por diante de San Francisco. A localidade é unha antiga vila mineira que conta agora con 78.000 habitantes.

O departamento de Urbanismo da cidade proporcionoulle a Google, durante os últimos cinco anos, unha chea de información sobre os seus edificios, servizos e rúas, para acadar os datos que se atopan en earth.nanaimo.ca, e que permiten ver en tres dimensións con todo detalle as instalacións da cidade e información sobre as mesmas a través do programa Google Earth. Tamén se poden consultar onde están todos os negocios, dende restaurantes a concesionarios de automóbiles. Ademais, pódense ver imaxes de 360 graos do centro histórico, de 150 anos de antigüidade.

Segundo o xefe de Tecnoloxía do concello, "probabelmente somos a primeira municipalidade en darlles [a Google] todos os datos". Cre, ademais, que será bo para o turismo. "Canta máis información teña a xente, máis coñecerán sobre Nanaimo".

O servizo tamén é útil para os veciños, que poderán coñecer, ademais de onde actuaron os bombeiros, onde cortou a herba o equipo de xardinaría ou a quen se corresponde cada nicho do cemiterio. En xuño abrirá un multimillonario centro de conferencias con 72 puntos de acceso sen fíos para que os visitantes poidan navegar pola versión virtual da cidade.


5/5 (1 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: