O prototipo, que xa se está a desenvolver, tamén prevé reducir os custos un 75% e aproveitará a fibra óptica que xa existe.
Jianming Tang, amosando o seu traballo
A Unión Europea financia un proxecto da universidade galesa de Bangor para permitir un acceso á rede de banda larga cen veces máis rápida e un 75% máis barata. O proxecto Alpha, que vai contar axiña cun prototipo, emprega a rede de telecomunicacións británica convencional, pero canaliza a información dun xeito máis eficiente. Os responsábeis do programa din que se poden descargar quince longametraxes nun minuto, o que amplía enormemente a rapidez e a economía da banda larga para os consumidores.
O doutor Jianming Tang, da universidade de Bangor, cre que o aparello revolucionará a industria das comunicacións nun prazo de cinco anos. "As novas redes de maior capacidade e rapidez revolucionarán o entretemento doméstico, servindo filmes e televisión de alta definición, potentes xogos de ordenador e servizos de videoconferencia doméstica", explicou. "Isto fará máis doado o teletraballo e podería ter moitas outras aplicacións, como axudar ás persoas maiores nos seus fogares, o que permitiría o florecemento de aplicacións como a telemedicina", explicou Tang.
O prototipo, unha vez estea completo, terá a aparencia dun reprodutor de DVD e situarase entre a saída de banda larga e o computador, pero aínda é cedo para saber canto custará. "O máis importante é que traballa coa tecnoloxía de fibra óptica que xa temos, así que non hai que cambiar o cableado da rede de telecomunicacións do país", dixo Tang, que engadiu que "as proxeccións tamén amosaron un uso máis eficiente da rede, que reducirá os custos para cada usuario até o 75%. A xente pode imaxinar como usaremos esta moito maior capacidade, mais as aplicacións desenvólvense polo uso, como xa vimos coa tecnoloxía de internet e das telecomunicacións".