Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Fwwwrando

RSS de Fwwwrando
PARA OFRECER PUBLICIDADE

Os xigantes de internet gardan cada mes máis de 336.000 millóns de datos dos seus usuarios

Un estudo de The New York Times salienta que Yahoo é a empresa que máis datos obtén por internauta medio: 811 informacións ao mes.

Redacción - 13:17 11/03/2008

Un estudo desvela que as grandes compañías da internet saben cada vez máis sobre nós: o que buscamos e o que facemos, e recollen pistas sobre os nosos gustos e preferencias varios centos de veces ao mes. Eses datos úsanse para predicir que contidos e que publicidade queremos ver, e fabricar anuncios personalizados con altas taxas de éxito.

A reportaxe do The New York Times coa axuda da firma de investigación comScore pretende amosar por primeira vez que cantidade de información dos usuarios é transmitida ás compañías da internet. Se aínda non houbo queixas dos consumidores é porque esa recolleita de datos se fai de xeito invisíbel.

Non foi o caso do programa Beacon de Facebook, que tivo que ser retirado cando os datos da compras que facían algúns usuarios lles chegaban aos seus amigos. Pero a meirande parte das compañías non avisan na pantalla cando recollen datos sobre os visitantes ás súas webs. Os executivos destes xigantes da rede din que protexen os datos persoais dos seus usuarios e que a medida é beneficiosa para eles, ao lles ofrecer publicidade de interese.

A recolleita de datos xa provocou unha división entre as grandes empresas da rede e os medios de comunicación tradicionais, que non poden competir no valor dos anuncios. Se antes os anunciantes escollían webs con máis visitas, agora comezan a interesarse polas que saben máis dos seus usuarios.

Antes, as compañías da web só podían controlar as accións dos consumidores nas súas propias páxinas, pero agora actúan como intermediarias, o que amplía a súa influencia en moitos máis lugares. E o feito de que a xente pasa cada vez máis tempo na rede tamén aumenta a cantidade de datos dela que se obteñen.

O estudo de comScore calcula que cinco dos principais operadores, Yahoo, Google, Microsoft, AOL e MySpace gravan polo menos 336.000 millóns de transmisións de datos ao mes, sen contar os seus propios anuncios. Esa información pode incluír o código postal do usuario, as buscas e as compras que fai. De todas as compañías, Yahoo é a que conta con máis puntos de recolleita de datos nas súas propias páxinas, con 110.000 millóns ou 811 por usuario medio. Ademais, ten arredor doutras 1.700 oportunidades de obter información en webs como eBay, onde vende a publicidade. Isto explicaría por que hai ultimamente tanto interese en mercar Yahoo.

As cifras do informe non inclúen os datos que os consumidores achegan voluntariamente cando se rexistran en webs ou en servizos de correo electrónico. Cando o fan, moitas veces danlles permiso ás webs a ligar os seus intereses ou buscar ao seu nome de usuario. Tampouco se contabiliza a información que os usuarios introducen nas redes sociais, como os artigos e comentarios en blogs ou as actualizacións do seu perfil.


5/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: