Vieiros

Vieiros de meu Perfil


RSS de
Xerais08

As novas Cortes constituiranse o 1 de abril, coa elección das Mesas do Congreso e do Senado

O Real Decreto de Convocatoria de comicios, aprobado o pasado 14 de xaneiro, estabelece os pasos a seguir.

Redacción - 11:21 08/03/2008
Imaxe do Congreso

Imaxe do Congreso

As novas Cortes Xerais, xurdidas dos comicios lexislativos que terán lugar este domingo, constituiranse o vindeiro 1 de abril, segundo se estabelece no Real Decreto de Convocatoria de eleccións aprobado o pasado 14 de xaneiro.

As sesións constitutivas do Congreso e do Senado son similares. No Congreso, o deputado electo de maior idade presidirá a sesión constitutiva, que estará asistido, en calidade de secretarios, polos dous máis novos. No caso da Cámara Alta, tamén será o senador de maior idade o que presida. Neste caso terá como secretarios aos catro senadores máis novos

A continuación, procederase, en ambas as dúas cámaras, á elección da Mesa, o seu órgano de goberno. Para o cargo de presidente, resultará elixido o que obteña o voto da maioría absoluta. Se non puidese ser en primeira votación, repetirase entre os dous que sumen máis apoios e sairá elixido o que obteña máis votos, é dicir maioría simple. No caso do Congreso, elíxense ademais catro vicepresidentes e no Senado, dous.

Os elixidos ocuparán os seus postos e o presidente electo presentará e solicitará dos demais deputados e senadores o xuramento ou promesa de acatar a constitución española.

Tras a rolda de xuramentos ou promesas, os presidentes do Congreso e do Senado, que poderán pronunciar un discurso se o desexan, declararán constituídas as Cámaras, e comunicaranllo ao xefe do Estado, á outra Cámara e mais ao goberno.

As Mesas de cada Cámara reuniranse unha vez finalizada esta primeira sesión para comezar a formalizar os grupos parlamentarios, que deberán estar creados nos cinco días seguintes. Os parlamentarios que non se adscriban a ningún grupo pasarán a formar parte do Mixto.

Unha vez creados os grupos, constituirase a Xunta de Portavoces do Congreso, que terá como primeira misión preparar a sesión de investidura. A partir de aí, o xefe do Estado poderá abrir unha rolda de consultas cos distintos portavoces para propor o candidato á presidencia do goberno. Despois, comunicarallo ao presidente do Congreso, para que este convoque o pleno de investidura.

Sesión de investidura
A data da sesión de investidura dependerá das eventuais negociacións que leven a cabo as distintas formacións para poder chegar a acordos. Aínda que non hai un prazo fixo para convocala, habitualmente veuse celebrando arredor da primeira quincena logo da constitución das Cortes.

Nesa sesión, o candidato proposto exporá o seu programa de goberno e logo tomarán a palabra os portavoces dos distintos grupos. Despois procederase á votación. Se o candidato obtén o voto da maioría absoluta (176), entenderase outorgada a confianza. Se non logra, polo menos, a metade máis un dos votos fixarase unha nova votación 48 horas despois da anterior, na que xa lle bastará con lograr unha maioría simple de apoios.

De non conseguir a investidura no segundo intento, tramitaranse sucesivas propostas polo mesmo procedemento e, se transcorren dous meses a partir da primeira votación de investidura sen que ningún candidato obtivese a confianza do Congreso, habería que convocar novas eleccións.


1/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: