Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Oito mortos nun atentado en Xerusalén

Alerta máxima en Israel tras un tiroteo nunha escola xudía

O Consello de Seguridade da ONU non puido acordar unha condena ao non pórse de acordo sobre a inclusión das vítimas palestinas dos últimos días.

Redacción - 09:28 07/03/2008
Un alumno da 'yeshiva'

Un alumno da 'yeshiva'

Israel atópase en alerta máxima tras o atentado desta quinta feira á noite contra unha escola talmúdica de Xerusalén que causou oito mortos e nove feridos, tres destes graves.

Unha persoa armada cun fusil Kalashnikov logrou entrar no centro e disparou durante varios minutos en todas direccións contra decenas de estudantes antes de ser abatido por tres axentes israelís.

Segundo fontes das forzas de seguridade, o activista residía na parte oriental de Xerusalén, de maioría árabe. De momento, non está clara a autoría do atentando. A televisión Al Manar do grupo libanés Hesbulah atribuíullo a un grupo descoñecido até o de agora.

Este é o ataque máis mortífero en Xerusalén dende que en 2004 un 'home bomba' das Brigadas dos Mártires da Al Aqsa, o brazo armado de Al Fatah, matase a 11 persoas e ferise a máis de 40 nun autobús.

Sen acordo no Consello de Seguridade da ONU

O secretario xeral de Nacións Unidas, Ban Ki Moon, condenou "nos termos máis duros posíbeis" o atentado. O Consello de Seguridade reuniuse con carácter de urxencia tras o ataque mais foi incapaz de acordar unha condena, ante a petición dalgúns países de que se incluíse tamén no texto aos 60 civís palestinos mortos polas accións militares israelís en Gaza.

"Para nós, a perda de vidas humanas é a mesma", apuntou o embaixador adxunto de Libia, Ibrahim Dabbashi, que cualificou a Israel de "réxime terrorista".

O embaixador de Estados Unidos, Zalmay Khalilzad, negouse equiparar as vítimas do atentado de Xerusalén coas decenas de civís mortos nos ataques israelís en Gaza.

Fontes palestinas denunciaron que Israel xa comezou a tomar represalias polo atentado. Segundo informaron, o Exército israelí matou un granxeiro palestino no norte da Franxa de Gaza perto da fronteira. Israel négao.


Ligazóns

5/5 (2 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: