O número de textos recibidos supera xa os 250, despois de case un mes de concurso.
O concurso de microrrelatos organizado por Vieiros e a Secretaría Xeral de Política Lingüística vai chegando ao seu fin. E malia á brevidade dos textos, a verdade é que o certame deu para moito. Nos relatos eróticos colouse a política, a lingüística, os símbolos e festas populares galegas, as fantasías de oficina e ascensor, o sexo en grupo, e o sexo máis íntimo e individual, a Galiza urbana e a rural, a monolingüe e a bilingüe, sexualmente falando.
Durante todo o luns 10 poderán enviarse os últimos relatos, que comezarán a ser revisados polo xurado, que unha semana despois, o luns 17, anunciará o gañador. O autor do relato elixido obterá unha viaxe de catro días a Venecia para dúas persoas. O 17 tamén se anunciará o gañador da estadía dunha fin de semana nunha casa rural, que se sorteará entre todos os participantes no certame.