Na mostra, que homenaxeará ao Carrabouxo, exhibiranse obras de Fernando Quesada, Xaquín Marín, Pepe Carreiro, Pinto&Chinto, Miguelanxo Prado ou Kiko Da Silva.
A novena edición da Bienal da Caricatura de Ourense ábrese esete mércores na Casa da Xuventude, coa entrega de premios do concurso galego de caricaturistas noveis e a inauguración da mostra Homenaxe ao Carrabouxo no Edificio Politécnico do Campus. Tamén se inaugurará esta tarde a exposición monográfica do colombiano Omar Figueroa Turcios, na propia Casa da Xuventude. Por último, ás oito e media da tarde o Museo Municipal será escenario da presentación da exposición de caricaturistas galegos, que reúne a 26 autores, entre os que destacan Xosé Tomás, Xaquín Marín, Miguelanxo Prado, Quesada e Kiko da Silva.
Benito Losada, director da Bienal dende 1978, explicou que o obxectivo para este ano é continuar co método de outras edicións de revisar e agrupar o traballo e o humor dos caricaturistas galegos durante os dous últimos anos. Nesta edición un dos actos máis destacados será a Festa da Caricatura, programada para a vindeira fin de semana no Museo Municipal, onde 16 caricaturistas realizarán o seu labor en vivo e á que se espera que asistan centos de persoas.