O goberno español evita aplicar un "código ético" durante a campaña electoral ao xeito do que se autoimpón a Xunta.
O "código ético" posto en marcha polo Goberno xa na altura das últimas eleccións municipais foi defendido no seu momento desde a Xunta coma un chanzo imprescindíbel para que o executivo deixase de ser "unha axencia de publicidade dun partido". Despois de anos de críticas aos sucesivos gobernos de Manuel Fraga, habitual en acelerar inauguracións en tempo de campaña electoral, o bipartito esforzouse en que os comicios municipais, o ano pasado, e as eleccións xerais, neste 2008, fosen exemplo de cambio.
E porén, no ámbito do goberno español, as visitas dos ministros a Galiza trouxeron evidencia nos últimos días do tipo de prácticas que a Xunta se esforzou por eliminar. Non estando atados a código ético ningún, os ministros galegos son exemplo de reprochábeis procederes á hora de protagonizaren axendas que mesturan premeditamente a actividade electoral coa política.
Unha simple ollada aos espazos de prensa das webs dalgúns ministerios ofrece exemplo do problema. Así e todo, se ben o Ministerio de Cultura aplica a picaresca de evitar a reprodución das actividades do ministro que entrarían en conflito neste tipo de situacións, noutras atopamos máis dun caso dos denunciados.
Da biblioteca sen libros ao Castro de Elviña, pasando polo colector compostelán
Así por exemplo, durante a primeira semana de campaña, o ministro de Cultura, o coruñés César Antonio Molina, realizaba unha visita á súa cidade natal, onde en compañía co rexedor socialista, Xavier Losada, anunciaba o investimento de 1,7 millóns de euros para un proxecto no Castro de Elviña. Unha axuda solicitada hai tempo e da que o ministro aproveitou para confirmar a súa concesión coincidindo coa súa estancia na provincia nos últimos días en actos de campaña co PSOE, partido polo que encabeza a lista ao Congreso na circunscrición coruñesa. Máis polémico, aínda que desta volta ás portas da campaña, fora a inauguración dunha biblioteca municipal en Santiago, edificio que nin sequera conta aínda con libros e que a día de hoxe permanece pechado pero que foi bautizado oficialmente polo ministro hai poucas semanas.
Outra ministra galega, desta volta a de Agricultura, Elena Espinosa, tamén cabeza de lista do PSOE ao Congreso, no seu caso pola provincia de Ourense, foi protagonista de anécdotas similares. Así, apenas iniciada a campaña, Espinosa aproveitaba un acto electoral no Carballiño para anunciar un próximo e millonario convenio para o impulso das novas tecnoloxías e para destacar a licitación o día anterior dun treito da autovía Ourense-Lugo. Tamén reprobábel aparece o exemplo da ministra de Medio Ambiente, Cristina Narbona, quen visitou Santiago xa coa campaña electoral iniciada, e visitou as obras do colector do río Sar, avanzando de paso que antes de que remate o ano licitaría a obra para nova estación depuradora de augas residuais na capital, investimentos por valor de case oitenta millóns de euros. De paso, Narbona tamén anunciaba que está en deseño e se publicaría proximamente o convenio bilateral entre ministerio e Xunta para o financiamento de obras de saneamento e calidade da auga en Galiza.
Exemplo tamén da confusión electoral e institucional en tempo de campaña é o acontecido este mesmo martes durante o coloquio do Foro Nueva Economía, na Coruña, onde o ministro de Cultura contou como anfitrión con Emilio Pérez Touriño, presidente da Xunta e secretario xeral do PSdeG. O acto e os discursos ofreceron mostra de liñas pouco claras á hora de diferenciar o candidato, do ministro e do intelectual. Por riba, e paradoxalmente, ás poucas horas Presidencia escolleu abrir a web oficial do Goberno coa información sobre este acto como noticia principal do portal web.