A imparábel revolución billardeira encheu A Coruña, impulsada polos palanadores da LNB, que dende xa conta co incondicional apoio de Vieiros, pensando na superfinal que se ha xogar en Compostela en maio.
Combatindo as lagañas a tribo o Leste chegaba á Coruña, territorio dominado polas tribos xarutas, electrónicas, filloas de sangue (equipos todos da Conferencia NorOeste), para enfrontarse ao gran reto de manter a imbatibilidade nun All Stars que se prevía a cara de can entre as dúas conferencias profesionais que manteñen liga regular.
Despois de pararen en Guitiriz, no autobús do NorLeste remataron os risos e todo era concentración ante o gran enfrontamento que se lles viña enriba. Daquela, David Díaz a seleccionador do Leste, collía o micro para dirixirse a unha tensa tripulación e dar os nomes dos elixidos para a loita e as tácticas de xogo.
Vestidiños de Vieiros
E todos levaban, de estrea, as camisolas e os chuvasqueiros que Vieiros lle agasallou á Liga Nacional de Billarda, nun man a man que xa comeza e que ha seguir así deica a superfinal dos Play-Offs billardeiros, que se han xogar en Compostela polo 25 de maio.
É só o primeiro paso nunha colaboración que nace para demostrar que outro deporte é posíbel.
Comezan os All Stars: "Galizia practica!"
A Pista da Zapateira fervía á chegada do expedición do Leste. Todo estaba listo. Despois de enfundar as camisolas e desenterrar os machados, os combinados do Leste e Oeste formaron para escoitar o xa estabelecido coma himno oficial da LNB, dende Xenebra á Zapateira, resoaba no pavillón o tema A Billarda de Mafia Gallega: bágoas contidas nos ollos dos palanadores e palandoras e as gorxas abertas de seareiros e xogadores que berraban "Galizia practica!" mentres apertaban os puños.
Despois de moita tensión, os da Conferencia NorLeste repetiron título, a pesares de ter empatado nun comezo cos seus rivais, mais desquitándose logo e vencendo no concurso de varados. Finalmente chegaba o intre máis agardado, o concurso de mates do All Stars que, tendo moito en conta as espectaculares actuacións do NorOeste, terminou caendo tamén nas mans dos rivais, demostrando os seus palanadores que a Conferencia NorLeste practica.