O de Teo fará o seu primeiro ensaio importante nesta rolda, onde os corredores sairán a pedalear en serio.
Ezequiel Mosquera vai procurar, na ‘Vuelta a Murcia', a oportunidade para realizar o seu primeiro ensaio en serio da tempada. O ciclista de Teo será a principal baza do Karpin Galicia nesta proba, que se disputa do 4 ao 8 de marzo.
Mosquera vai correr a Murcia acompañado de Gustavo Domínguez, David García, Delio Fernández, Jesús Cobelo, David Herrero, Iban Mayoz (que tamén fixo un moi bo comezo de tempada) e Carlos Castaño.
Ezequiel Mosquera, que arrincou a tempada en Mallorca cun oitavo posto, non puido probarse a si mesmo como desexaba porque o terreo non ofrecía oportunidades para facelo. Por iso a Volta a Murcia pode considerarse o seu primeiro ensaio serio da tempada: "Atópome ben e espero estar máis adiante que en Mallorca, aínda que a contrarreloxo non me favorece demasiado, porque aínda que termina para arriba tamén ofrece unha primeira parte plana e ata algo de baixada. Pero tamén será unha ocasión para ver como respondo nesta especialidade, porque, sen ir disputar, eu sempre fixera contrarreloxos decentes ata o ano que estiven no equipo Comunidade Valenciana e na primeira parte da tempada", comenta Mosquera, que na pasada Volta a España volveu dar un bo nivel nesta modalidade.