Co 30% escrutado, o candidato proposto por Putin lograría case o 65% dos sufraxios.
Tal e como se agardaba, as eleccións presidenciais en Rusia foron un paseo para Dimitri Medvedev, o candidato proposto por Vladimir Putin. Co 30% dos votos escrutados, Medvedev obtén o 64,5% dos sufraxios totais. O comunista Gennadi Ziuganov sería o segundo candidato máis votado cun 19% das papeletas.
Mais as denuncias de fraude comezaron cando antes de que se pechasen as urnas. O Partido Comunista e unha ONG rusa, Golos, aseguran que hai exemplos de irregularidades en mesas de todo o país e que incluso se chegaron a falsificar numerosos votos. A oposición liberal, que renunciou a presentarse a unhas eleccións que consideraban pouco transparentes, anuncia protestas para este luns, á que tamén está previsto que se sumen diferentes grupos de esquerda.