Galiza demostrou a súa calidade do comezo ao fin. Destacou Pana, xogador do Parrulo de Ferrol, cos seus catro goles (tres deles seguidos). Esta selección demostrou que vale.
Partidazo, pero con todas as letras. Galiza goleou a Uruguai e viña un tanto detrás de outro. Só lles deixaron marcar un gol a catorce minutos de que terminara a segunda parte.
Pana, xogador do Parrulo de Ferrol, luciuse na casa. Un hat trick na primeira parte, seguido dun golazo na segunda. O outros goles, até chegar a seis, marcáronos O. Vivian do Ourense, e Manu, do Autos Lobelle.
O combinado charrúa a penas tivo tempo para moverse ou planear unha xogada sequera. Os galegos eran moi superiores. Xogadas rápidas, calculadas, centros directos, e pés que buscaban o gol.
A estrea non puido ser mellor, e iso notouse nas bancadas. Os seareiros animaban aos seus xogadores, chamábanos polo nome, aplaudíanlles, e coreaban "Galiza, Galiza!" a berros, aínda que o home que falaba pola megafonía se empeñase en dicir "Ga-li-cia!". Non había maneira. Tamén houbo berros pola oficialidade das seleccións nacionais.
A Galiza do futsal ten nivel. E este é o primeiro partido de moitos, dixo Pana ao terminar o encontro.
Alén do deporte...
Terminando a primeira parte houbo que parar o encontro, ao entraren unha ducia de persoas portando unha faixa na pista. Eran do colectivo de traballadores dos centros deportivos da Coruña que reivindicaban o primeiro convenio colectivo para a provincia. Xa se tiñan manifestado antes ás portas do pavillón, convocados, mais comezada a primeira metade, entraron por un lateral á pista parte deles pedindo que a Dirección Xeral para o Deporte medie no conflito.
Ademais, terminado xa o encontro, segundo puido saber Vieiros, houbo un enfrontamento entre a policía española e varios membros do colectivo Siareir@s Galeg@s. Os Siareir@s denunciaron que os axentes estaban a agardar por eles ás portas do pavillón e varios mozos foron golpeados.